publicidade hoxe

Nava Castro amadriña a botadura da primeira ruta de navegación no embarcadoiro inclusivo en Tomiño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaLocal PortadaPontevedraTomiño
A-
A+
Nava Castro na botadura dunha das embarcacións

Nava Castro na botadura dunha das embarcacións

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, amadriñou hoxe en Tomiño a botadura dunha das dúas embarcacións que inauguraban a primeira ruta turística no embarcadoiro inclusivo do Espazo Natural do Río Miño, unha infraestrutura que se realizou ao abeiro dun convenio de colaboración asinado o pasado ano entre este concello pontevedrés e Turismo de Galicia e que garante a accesibilidade de embarque e desembarque das persoas con diversidade funcional nesta parte do río Miño.

Preto de trinta persoas participaron no primeiro destes roteiros fluviais que, ademais da responsable de Turismo de Galicia tamén amadriñou a alcaldesa de Tomiño, Sandra González. Impulsada polo Club Deportivo Sen Amarras, esta iniciativa prevé a posta en marcha de ata 12 saídas destas rutas turísticas polo río Miño entre os meses de xuño a setembro tomando como punto de inicio este novo embarcadoiro inclusivo.

O apoio á adaptación desta infraestrutura enmárcanse no compromiso do Goberno galego cunha actividade turística sen barreiras con produtos e servizos que podan ser coñecidos por calquera persoa, sen distincións. Neste sentido, Turismo de Galicia axuda aos concellos e ao sector nesta tarefa á hora de adaptar as súas infraestruturas e recursos, para o que este ano se conta cun investimento que rolda os catro millóns de euros só en liñas de subvencións. Xunto a esta liña de axudas, traballa de xeito paralelo en varias liñas para afondar neste obxectivo, a través do Plan de accesibilidade turística de Galicia e do Camiño de Santiago, aliñado coa Estratexia do turismo de Galicia 2020.

Turismo fluvial

O embarcadoiro inclusivo do Miño –que contou cun investimento de 150.000€- permite pór en valor as numerosas posibilidades turísticas deste río, claro protagonista neste municipio de Tomiño. A Estratexia de turismo de Galicia 2020 centra unha das súas once liñas de traballo en promover o turismo fluvial, con especial énfase nos ríos Miño, Sil, Ulla e Tambre, así como nos encoros e inclúe actuacións como as melloras nas infraestruturas ou a creación de produtos turísticos ao seu redor, entre outras iniciativas.

10 de maio de 2018 | 16:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.