publicidade hoxe

Miranda ve na Estratexia retorna 2020 unha solución para o reto demográfico da provincia de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseOurense
A-
A+
Miranda na visita a unha das empresas ourensás

Miranda na visita a unha das empresas ourensás

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, apuntou esta mañá á Estratexia Retorna 2020 como unha das ferramentas a disposición de todos os ourensáns para combater o complexo reto demográfico que está a afrontar con especial intensidade esta provincia galega. O documento, integrado por máis de medio cento de medidas e aprobado o mes pasado polo Consello da Xunta, implica a todos departamentos do Goberno galego e pretende facilitar o regreso á comunidade de máis de 20.000 galegos nos vindeiros tres anos, dos que 12.000 teñan menos de 45 anos.

Sumaríanse, así, aos 328 galegos que retornaron en 2016 aos doce concellos que conforman a comarca de Ourense, dos que 257 o fixeron á capital ourensá. Estas cifras converten a cidade das Burgas na terceira de Galicia con maior volume de retorno, e se reflicten como unha solución real para paliar as consecuencias do despoboamento que comparten as rexións do interior de España.

Catro emprendedores novos o ano pasado

O responsable autonómico deu estas cifras durante a visita a un dos nove negocios postos en marcha por un mozo retornado na capital ourensá grazas ás Axudas ao Retornado Emprendedor, na que estivo acompañado polo alcalde da cidade, Xesús Vázquez, e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz. Para Vázquez, programas como a Estratexia Retorna 2020 son o mellor exemplo de que os ourensáns “manteñen sempre vivos os seus azos coa terra dos seus maiores” e que “aproveitan as oportunidades que se lles están a brindar para regresar e poñer en marcha os seus proxectos vitais na nosa cidade”. O rexedor salientou a “riqueza” e “experiencia” que ofrecen os galegos do exterior, que se “se están a revelar como un sector dinámico da nosa sociedade que está chamado a rexuvenecer o noso tecido produtivo e demográfico”.
Os tres coñeceron o estudio de deseño gráfico e arquitectura 988, posto en marcha en marzo de 2016 por Iago Novoa na Praza Maior de Ourense con outros dous socios tras dous anos de experiencia profesional en Irlanda. Coma ista, outras oito empresas viron a luz nos últimos seis anos no concello de Ourense grazas a este programa da Xunta de Galicia e catro máis no resto da provincia.

Durante o encontro Miranda salientou a vantaxe na que está a converterse para Ourense a súa tradición emigrante, “que hoxe lle dá a oportunidade de recuperar poboación e renovala cos seus propios veciños e os seus descendentes, aqueles que marcharon hai décadas ou anos en busca doutras vivenzas e que hoxe queren regresar á súa terra de orixe”.

Case medio cento de retornados en dous concellos

Os concellos que están a atraer máis emigrantes ou descendentes retornados da comarca son, ademais da propia capital, Barbadás e San Cibrao das Viñas, que sumaron un total de 43 veciños retornados. En toda a provincia foron 921. A suma dos emigrantes e dos seus descendentes, que constitúe o número total de galegos residentes no exterior, ascende a 35.407 só na comarca de Ourense. Esta cifra se incrementou en 12.281 persoas desde 2009, debido principalmente aos descendentes dos emigrantes da zona. Pola contra, a de ourensáns nados en Galicia que residen no exterior baixou en 755 só no último ano.

Na actualidade hai 113.681 galegos inscritos nalgún dos concellos da provincia de Ourense residindo no exterior, dos que só 33.888, o 29,8 %, naceron en Galicia. O resto son fillos, netos e mesmo bisnetos nados xa no seu país de destino, o que explica que a maioría, o 69,4 % (78.936) teñan menos de 65 anos. Por países, A Arxentina é o país que acubilla un maior número de ourensáns (31.116), seguido de Cuba (12.996), Venezuela (12.458) e (Brasil (11.159). A estes galegos, tanto aos emigrantes coma os seus descendentes, van dirixidos dous dos 22 principais programas especialmente deseñados para os retornados incluídos na Estratexia Retorna 2020: as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), as de estudos do ciclo superior de Formación Profesional, e as Axudas ao Retornado Emprendedor.

Axudas ao Retornado Emprendedor e 52 medidas máis

Destas últimas, que conceden ata un máximo de 10.000 euros para poñer en marcha un negocio en Galicia, beneficiáronse nos últimos cinco anos un total de trece ourensáns retornados, dos que catro o fixeron na útima convocatoria deste programa, o de 2017. Na actualidade permanece aberto o prazo de solicitude destas axudas para o ano 2018, que rematará en setembro.

A estas súmanse outras medidas, ata un total de 53, con incentivos específicos que tamén van dirixidas a facilitar o autoemprego e a contratación de retornados, como os destinados á contratación na empresa ordinaria e o programa para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación, ás que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina máis de 13 millóns de euros só en 2018, e que destina un 25% adicional para os retornados. A Estratexia Retorna 2020 esténdese, non obstante, a todas as áreas do retorno: desde a información (coa creación dunha Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retornado, tanto física como virtual e teléfonica), ata o apoio social (cunha liña de axudas ás familias que regresen a Galicia con fillos menores de idade), pasando pola formación, a investigación, a vivienda e o mercado laboral.

16 de maio de 2018 | 16:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.