publicidade hoxe

Medio Rural impulsa unha nova fase da parcelaria de Fisteus-Curtis con case 4.000 hectáreas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCurtisLocal Portada
A-
A+
Ángeles Vázquez na presentación da fase

Ángeles Vázquez na presentación da fase

A Consellería do Medio Rural vén de darlle un novo pulo á parcelaria de Fisteus, no concello coruñés de Curtis, a máis grande da historia de Galicia. A titular do departamento, Ángeles Vázquez, acompañada polo director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, e o alcalde desta localidade, Javier Caínzos, presentou hoxe aos veciños o inicio dunha nova fase desta reestruturación.

Trátase do remate da fase de bases e do inicio das obras da nova rede de camiños, que terá unha lonxitude total de 55,2 quilómetros (52,9 de saburra e 2,3 asfaltados) e que suporá un investimento de 2,2 millóns de euros. A esta rede principal hai que sumar os quilómetros de aproveitamento da rede viaria existente, é dicir, outros 18,6 quilómetros de estradas nacionais e provinciais e 59 de estradas municipais a conservar.

Neste acto, a conselleira destacou a importancia deste tipo de procesos para poñer en valor o territorio agrario. Dixo que contribúen a dinamizar o agro e, consecuentemente, a fixar poboación no medio rural, facilitando ademais o mobilidade dos veciños e das mercadorías, a través da rede de vías.

Ángeles Vázquez salientou que esta de Fisteus-Curtis é, historicamente, a parcelaria de maior extensión na nosa comunidade, cun total de 3.938 hectáreas e máis de 10.000 parcelas pertencentes a 1.128 titulares e anunciou que os traballos da rede principal de camiños comezarán no vindeiro verán, cun prazo previsto de execución de 18 meses.

Obxectivo de lexislatura

A conselleira lembrou, así mesmo, que o obxectivo da Xunta é rematar administrativamente no horizonte do 2020 as 128 parcelarias abertas arestora en Galicia, isto é, que cheguen á firmeza do Acordo. So neste ano 2018 o orzamento previsto para actuacións de reorganización do territorio ascende a 20 millóns de euros, que se destinarán a actuar nos devanditos procesos abertos.

16 de maio de 2018 | 16:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.