publicidade hoxe

Medio Ambiente invita ao Leyma Basquet Coruña a dar o salto á economía circular coa reciclaxe de envases

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaDeportesDeportes PortadaLocal Portada
A-
A+
Beatriz Mato na reunión co Leyma Basquet Coruña

Beatriz Mato na reunión co Leyma Basquet Coruña

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, invitou ao Leyma Basquet Coruña a dar o salto á Economía circular a través da reciclaxe de envases domésticos e a recollida selectiva. Mato Otero celebrou esta mañá o compromiso que este equipo xogador da ACB vén de asumir, coa sinatura dun acordo de colaboración con Ecoembes, no que o obxectivo principal é fomentar a reciclaxe de envases domésticos en Galicia e máis concretamente, nas instalacións do club.

A conselleira de Medio Ambiente destacou que esta iniciativa enmárcase dentro do convenio marco subscrito entre a Xunta e Ecoembes, organización medioambiental sen ánimo de lucro que promove a economía circular a través da reciclaxe de envases en España, no que se fixan os compromisos e obrigas ata o ano 2021 en relación coa recollida selectiva de envases en Galicia e a través do que se pretende contribuír a impulsar a economía circular na Comunidade.

En virtude do acordo asinado hoxe, Ecoembes comprométese a instalar nas instalacións do club espazos destinados á reciclaxe de envases de plástico, latas e briks, así como de papel e cartón e tamén se farán actividades de sensibilización e formación entre afeccionados, traballadores e xogadores. “É moi importante para nós promover o uso dos contedores de recollida selectiva, tanto dentro dos fogares coma fora dos eles. O noso obxectivo é que todo o mundo tome conciencia de que reciclar correctamente envases pode supoñer un beneficio enorme para o medio ambiente, comentou Fernando Blázquez, xerente de Ecoembes na Zona Norte.

A conselleira de Medio Ambiente destacou que entre as actividades que se celebrarán destacan unha concentración dos participantes nas escolas do Basquet Coruña en colexios para realizar un torneo durante un día, no mes de xuño. En xullo, tamén se aproveitará a celebración do tradicional Campus Milenium, para a celebración dunha actividade dedicada á reciclaxe e posteriormente, se colocarán nos accesos ao Pavillón contedores para a separación de residuos.

A colaboración entre ambas entidades permitirá seguir avanzando no obxectivo de incrementar as actuais ratios de recuperación deste tipo de residuos na Comunidade Autónoma, un hábito cada vez máis instaurado nos fogares galegos. Así, segundo o Estudo de Hábitos de Reciclaxe dos Españois encargado por Ecoembes, as familias galegas contan cunha media de 2,6 cubos para poder levar a cabo este labor de separación na casa.

Agradeceu ao Leyma Basquet Coruña o seu compromiso co medio ambiente, a sostenibilidade e a reciclaxe e engadiu que a súa experiencia servirá de exemplo para ampliar este tipo de acordos con outros equipos e clubs deportivos de Galicia, nos que actualmente traballa a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

10 de maio de 2018 | 16:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.