publicidade hoxe

Beatriz Mato subliña que a aprobación da infraestrutura verde da área da Coruña daralle a Galicia unha vantaxe competitiva para captar fondos europeos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaOleiros
A-
A+
Beatriz Mato na presentación en Oleiros

Beatriz Mato na presentación en Oleiros

A futura estratexia de Infraestrutura Verde da área de A Coruña situará a Galicia á vangarda de España e suporá unha “vantaxe competitiva” fronte a outros territorios á hora de optar a fondos europeos cos que financiar este tipo de proxectos. Así o subliñou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, durante a presentación do documento Feitos, Retos e Propostas elaborado a partir das aportacións dos concellos que colaboran coa Xunta na elaboración da infraestrutura verde coruñesa.

Tras cinco meses de entrevistas, enquisas e consultas a alcaldes e persoal dos 30 municipios que conforman este espazo xeográfico, Xunta e concellos dan por rematada con este documento a primeira fase do traballo de identificación de puntos críticos, retos principais e propostas prioritarias para definir a futura infraestrutura verde da área de A Coruña.

O seguinte paso, tal e como indicou Beatriz Mato, consistirá en validar tecnicamente estas propostas preliminares, converténdoas en proxectos de acción nos que se concreten xa con detalle os actores protagonistas, os orzamentos necesarios para levalos a cabo e unha axenda de traballo conxunta.

O obxectivo da Consellería de Medio Ambiente é poder presentar a estratexia ante concellos e sociedade civil no mes de novembro e ter rematado o deseño e a definición do sistema de Infraestrutura Verde da Coruña a finais de ano.

Coa conclusión destes traballos e a consecución dun acordo intermunicipal no marco dunha estratexia verde para a área de A Coruña, Galicia situarase nunha posición ventaxosa á hora de optar a novas fontes de financiamento xa que, en palabras da conselleira, “son poucas as comunidades que impulsaron un proxecto deste tipo”. “De feito, non coñecemos ningunha que dispoña dunha estratexia intermunicipal para identificar e impulsar propostas compartidas”, engadiu.

Segundo explicou Mato Otero, o papel e a implicación dos concellos coruñeses no proxecto foi clave desde o principio xa que partiu da creación o pasado mes de xaneiro dun novidoso sistema de gobernanza intermunicipal, un “espazo voluntario, transversal e respectuoso coa autonomía municipal para definir unha estratexia compartida”.

Nesta liña e co fin de reforzar esa cooperación, a conselleira de Medio Ambiente e os representantes municipais de 23 concellos da área asinaron tamén hoxe unha declaración institucional na que se recollen os pasos dados ata o momento e en virtude da cal, todos os asinantes asumen o “compromiso conxunto” de levar a cabo as propostas intermunicipais seleccionadas. En todo caso, está previsto que algún outro municipio coruñés, que non puido asistir hoxe ao acto, se adhira nos próximos días a esta declaración.

Co impulso á Infraestrutura Verde tanto no conxunto da comunidade como concretamente na área de A Coruña, Galicia adiántase a un futuro requirimento do Goberno español en material ambiental e camiña na dirección sinalada tamén por Europa. Cómpre lembrar que en resposta ao deterioro e á perda de biodiversidade nas áreas urbanas e tamén rurais, a Comisión Europea fixo unha comunicación no ano 2013 titulada Infraestrutura Verde co reto de promover este tipo de instrumentos de planificación de zonas naturais e doutros elementos para garantir a provisión de servizos ambientais e a protección da biodiversidade.

21 de maio de 2018 | 17:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.