publicidade hoxe

As características do territorio galego son un potencial para o desenvolvemento dos servizos baseados na natureza ou ecosistémicos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, destacou esta mañá que as características de Galicia fan que este proporcione unha gran diversidade e potencialidade de servizos ecosistémicos, servizos baseados na natureza.

Beatriz Mato participou esta mañá na inauguración do simposio internacional Horizon 2020 European Dialogue and Clustering Action, onde explicou que os beneficios económicos dos ecosistemas ben xestionados e os servizos que provén son un aspecto cada vez máis recoñecido no desenvolvemento de proxectos.

Así, as solucións baseadas na natureza constitúen un cambio de perspectiva na forma na que temos que enfrontarnos ao novos desafíos como o cambio climático, as catástrofes ou a seguridade alimentaria. Indicou que este cambio de perspectiva convértenos a todos en protagonistas na resolución destes retos, pasando de ser beneficiarios pasivos a actores de referencia na protección, xestión e restauración dos ecosistemas.

A conselleira explicou que cando a paisaxe natural se planifica de forma estratéxica para conservar e restaurar as funcións dos ecosistemas, xéranse beneficios asociados para a poboación, convértese nunha forma de infraestrutura natural; ao igual que cando unha infraestrutura construída se combina coa infraestrutura natural, xéranse solucións máis eficientes que poden axudar a reducir custos nos investimentos relacionados ao sector hídrico e agrícola, aumentar a resiliencia fronte ao cambio climático, e prover beneficios sociais, ambientais e económicos adicionais.

En Galicia hai 1,4 millóns de hectáreas de superficie arbolada, 50.000 km de ríos e case 1.500 km de costa, e 72 tipos de hábitats de interese comunitario; factores que fan máis necesaria a conservación, potenciación e aproveitamento de todos os valores, polos seus beneficios ambientais e sociais, pero tamén pola capacidade de xerar emprego.

Nese sentido, resaltou a importancia de sensibilizar á poboación nos servizos que a natureza aporta, xa que é a clave para que as solucións teñan a forza para cambiar a forma na que a sociedade intervén na natureza, concluíu.

16 de maio de 2018 | 16:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.