publicidade hoxe

A Xunta trasládalle ao CEIP Ben-Cho-Shey do Pereiro de Aguiar que o vindeiro curso será posible atender a demanda de cambio de horario escolar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO Pereiro de Aguiar
A-
A+

A Xunta de Galicia trasladoulle hoxe ao CEIP plurilingüe Ben-Cho-Shey, no Pereiro de Aguiar, que o vindeiro curso será posible atender a demanda de cambio de horario escolar habilitando 5 novos autobuses cos seus respectivos acompañantes.

Así o anunciou hoxe a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, na xuntanza que mantivo xunto á delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, e o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Oitavén, coa Dirección e a Asociación de Nais e Pais (ANPA) no centro escolar.

Ethel Vázquez trasladoulle aos representantes do colexio e da ANPA que a implantación o pasado mes de agosto do Plan de Transporte Público de Galicia fixo posible estudar a súa solicitude de racionalización do actual horario escolar, co fin de favorecer a conciliación da vida laboral e familiar.

Comunicoulles que a Xunta vén de informar favorablemente estes cambios, atopándose ambas consellerías en disposición de comezar a tramitación da proposta que, agora, debe ser validada pola comunidade educativa. Deste xeito, engadiu, unha vez sexa referendada, no vindeiro curso escolar 2018/2019 os nenos e nenas matriculados no colexio poderán dispor dun novo horario lectivo.

Destacou a conselleira que para ofrecer o mellor servizo, precisase incorporar 5 autobuses máis, cunha achega da Xunta de ata 92.000€ anuais, que supoñen un esforzo compartido das consellerías de Infraestruturas e Vivenda e Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

A conselleira explicou, ademais, que dende a Xunta se traballa dun xeito coordinado para atender o interese público dun centro escolar do rural a través dun plan que busca, tamén e de xeito especial, incrementar a calidade do servizo e ofrecer a máxima cobertura territorial á dispersión xeográfica do medio rural.

1ª fase do Plan de Transporte Público de Galicia

Neste senso, destacou que non só se quere garantir a continuidade dos servizos, senón que busca incrementalos e reforzalos, como se está a facer neste centro escolar de Pereiro de Aguiar e como sucedeu tamén na provincia de Ourense, coa posta en marcha da 1ª fase do Plan de Transporte Público de Galicia.

Tal e como subliñou, este Plan permitiu xa ampliar a cobertura territorial e os servizos de transporte de Ourense grazas ás novas modalidades, como o transporte compartido, con 262 liñas integradas –a metade de Galicia- que foron empregadas xa por máis de 40.000 usuarios xerais, ademais dos escolares. Isto supuxo, engadiu, que, concellos coma Carballeda de Valdeorras ou A Mezquita, polos que antes non pasaba ningunha liña de transporte regular, agora si dispoñan de dito servizo.

Vázquez Mourelle tamén referiuse ao transporte a demanda, onde case o 50% das chamadas feitas á Central de Reservas proceden de viaxeiros da provincia de Ourense.

Plan de Transporte Público de Galicia

A Conselleira tamén aproveitou esta xuntanza para informar de como a Xunta seguirá a traballar nas melloras do transporte público nesta área de cara a 2019, data de caducidade das actuais concesións de transporte por estrada. Así, lembroulles que neste intre atópase a información pública o documento base do Plan de transporte público de Galicia para acadar un servizo máis moderno e acorde ás necesidades reais dos galegos.

Con este trámite de información pública ábrese o primeiro dos dous procesos de participación pública nos que calquera administración, colectivo ou particular poderán facer as súas achegas.

E rematou lembrando que co traballo conxunto, colaboración e achegas construtivas se poderá planificar un sistema de transporte que suporá melloras substanciais no servizo, maior cobertura territorial e un transporte máis adaptado ás necesidades dos veciños.

22 de maio de 2018 | 17:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.