publicidade hoxe

A Xunta fomenta entre os cativos a seguridade laboral a través da Escola Galega de Prevención con sede na Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaGaliciaLocal Portada
A-
A+

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, incidiu esta mañá na importancia de achegar aos nenos e nenas a importancia da seguridade e a saúde laboral para fomentar a cultura da prevención de riscos e avanzar así na redución da sinistralidade. Toca acompañou a alumnos e alumnas do centro Aspronaga da Coruña na visita que realizaron á Escola Galega de Prevención, un centro itinerante que na actualidade ten a súa sede na Coruña.

Coa Escola Galega de Prevención, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), busca incentivar actitudes e hábitos seguros entre os escolares dun xeito ameno, didáctico e divertido. Deste xeito, incúlcanse condutas seguras e saudables nunha liña de anticipación aos riscos laborais aos que terán que enfrontarse como futuros empresarios e traballadores.

A Escola, que en anos anteriores estivo nas outras tres provincias galegas, desde que se estableceu no centro do ISSGA da Coruña en abril de 2016, leva recibido o redor de 900 alumnas e alumnos de entre 6 e 12 anos de diferentes colexios, tanto públicos como concertados, de toda a provincia. As visitas son totalmente gratuítas e o itinerario está guiado por persoal da Escola.

A actividade principal do centro desenvólvese nun espazo dividido en tres zonas diferenciadas por cores: equipamento (verde), audiovisual (amarelo) e documentación e actividades (vermello). En todas elas a información estrutúrase en catro grandes bloques temáticos: no traballo, na rúa, na escola e no fogar.

A seguridade e a saúde laboral é un dos retos principais da Axenda 20 para o Emprego impulsada pola Xunta. A través da Estratexia galega de Seguridade e Saúde no Traballo 2017-2020 e o Plan de actividades 2018 do ISSGA lévanse a cabo actuacións de sensibilización do alumnado galego, o impulso da Escola galega de Prevención e a reedición da colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para impartir formación sobre saúde laboral en 54 centros de Primaria, Secundaria e de FP.

O Plan do ISSGA para este ano, enmarcado na Estratexia, busca mellorar a eficiencia na coordinación entre as administracións en materia de prevención de riscos laborais; impulsar a implicación dos interlocutores sociais; facilitar a xestión preventiva e reforzar a vixilancia e o control; potenciar a análise e investigación dos accidentes; fomentar programas en sectores de alta sinistralidade; e acadar unha formación de calidade para consolidar a cultura preventiva na sociedade galega. A folla de ruta inclúe en global 74 actuacións divididas en 7 eixos e unha oferta formativa, que se imparte en prevención de riscos laborais, coa que se prevé chegar a 1200 persoas.

Para rematar, a responsable de Emprego sinalou que a formación e difusión é unha actividade permanente do ISSGA e apelou á coordinación e colaboración entre as administracións e axentes sociais para mellorar as condicións laborais dos traballadores, lembrando que para a Xunta a loita contra a sinistralidade laboral é unha prioridade.

Visita de Aspronaga

O obxectivo da visita que desenvolveron hoxe á Escola Galega de Prevención os alumnos e alumnas de Aspronaga, un centro que traballa con persoas con capacidades diferentes, é favorecer a integración deste colectivo transmitindo aos rapaces con necesidades especiais o xermolo da conciencia da prevención para que no futuro poidan ser traballadores mais eficientes e seguros, ampliando asemade a súa perspectiva e capacidade laboral.

15 de maio de 2018 | 18:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.