publicidade hoxe

A Xunta e a adega Paco&Lola colaborarán no impulso da formación profesional

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMeaño
A-
A+

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e mais o presidente da Cooperativa Vitivinícola Arousana, Carlos Carrión, asinaron hoxe un convenio ao abeiro do que o departamento educativo da Xunta de Galicia e a Adega Paco&Lola colaborarán no impulso da Formación Profesional. Deste xeito, avánzase na liña de cooperación con empresas fortes dos respectivos sectores no eido dos ciclos formativos, que supoñen oportunidades únicas ademais para que os estudantes destas ensinanzas completen a súa cualificación.

De feito, unha das accións contempladas no convenio asinado hoxe refírese ao establecemento nesta adega dun programa de formación en centro de traballo (FCT) para o alumnado de formación profesional inicial, de tal forma que estas alumnas e alumnos poidan coñecer a operativa habitual da cooperativa vitivinícola.

A maiores, ao abeiro deste acordo a adega colaborará cos centros da Rede galega de Formación profesional de hostalaría, en concreto na formación complementaria do alumnado do ciclo medio en Servizos de restauración e do ciclo superior en Dirección de servizos de restauración. Para iso, os estudantes poderán visitar a adega para coñecer polo miúdo o proceso de elaboración do viño e o persoal da adega terá a posibilidade de realizar visitas de carácter didáctico aos centros educativos. Asemade, a adega subministrará algúns dos seus produtos para actividades de ensino-aprendizaxe nos centros de ensino e colaborará nos campionatos Galiciaskills e Spainskills.

Innovación e FP dual

Outra das liñas de colaboración recollidas no convenio refírese a promover accións conxuntas tanto no desenvolvemento de proxectos de innovación nos centros de FP como en calquera outra iniciativa que potencie a transferencia de coñecemento e redunde na calidade e excelencia na formación profesional.

Ademais, a adega Paco&Lola valorará as posibilidade de poñer en funcionamento un proxecto de FP dual nun réxime de alternancia de actividade na cooperativa, que favoreza e complemente a adquisición das competencias profesionais do alumnado, coa actividade formativa recibida nun centro educativo.

Formación e recoñecemento

O acordo asinado hoxe refírese, así mesmo, á formación e actualización do profesorado e ao recoñecemento da experiencia laboral dos traballadores da adega. No primeiro dos casos, poderanse organizar cursos, estudos ou seminarios sobre temas referentes ás novas tecnoloxías de interese para os docentes, así como estadías do profesorado por tempo definido na propia empresa.

No relativo ao segundo aspecto, a Consellería analizará a posibilidade de convocar, dentro do Plan de recoñecemento da experiencia profesional, as cualificación profesionais vinculadas a postos de traballo da adega que permitan acreditar a experiencia dos seus traballadores.

Confianza na FP

O conselleiro agradeceu á adega a súa confianza na formación profesional, “unhas ensinanzas dinámicas, innovadoras e de alta cualificación”. Neste sentido lembrou que o seu departamento leva traballando desde 2009 na adecuación da FP ás necesidades dos tecidos produtivos e ás demandas da sociedade, coa adaptación de máis de 100 ciclos.

Así mesmo Román Rodríguez destacou que a Consellería ten como un dos seus obxectivos estratéxicos o impulso da FP Dual, “sinónimo de empregabilidade, de profesionais altamente formados e de maior competitividade para o sector empresarial”.

10 de maio de 2018 | 15:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.