publicidade hoxe

A Consellería do Mar repara os danos ocasionados polos temporais no porto de Malpica

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de rematar as obras de reparación dos danos ocasionados polos temporais deste inverno no porto do municipio coruñés de Malpica. Así o destacou o presidente do ente público, José Juan Durán, nunha visita realizada hoxe á zona.

Durán Hermida explicou que os sucesivos temporais dos pasados meses ocasionaran numerosos danos de envergadura menor no porto malpicán, que veñen de ser finalmente reparados. Estas actuacións supuxeron unha achega de 15.000 euros por parte do organismo portuario.

Así, entre as principais reparacións figuran a da comporta que presentaba unha fenda debido a un golpe de mar e a reparación de varias deficiencias no pavimento do porto. Concretamente rexistráronse unha trintena de lousas danadas que foron substituídas e arranxáronse as beirarrúas e zonas de adoquinado.

A actuación de reparación incluíu tamén a reposición de 12 puntos de luz no peirao norte e a recolocación de mobiliario urbano no paseo portuario. Así mesmo, aproveitáronse os traballos para definir unha rampla de acceso á beirarrúa na zona dos departamentos das mariscadoras, mellorando a accesibilidade a estas instalacións.

15 de maio de 2018 | 18:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.