Natalia Prieto destaca o proxecto de ‘transparencia da administración local de Galicia’ para mellorar a calidade democrática dos concellos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia
A-
A+

A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto Viso, destacou hoxe a importancia do proxecto ‘Transparencia da Administración Local de Galicia’ para a mellora da calidade democrática dos concellos. Prieto Viso realizou estas declaracións nunha resposta parlamentaria na que sinalou que o proxecto é froito da colaboración entre a Xunta, A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a Universidade de Vigo.

O traballo permitiu a elaboración do primeiro diagnóstico sobre a situación en canto a transparencia de tódolos concellos de Galicia, o deseño e posta en marcha do Portal de Transparencia Local de Galicia, a elaboración da Guía práctica de transparencia local de Galicia e a confección de modelos ou formularios tipo e outras ferramentas de apoio.

Segundo o diagnóstico, o tamaño dos concellos condiciona os resultados. Así, todas as grandes cidades contan cun portal de transparencia, pero a medida que descende o tamaño da poboación a porcentaxe cae, ata chegar ao 73% dos concellos de menos de 5.000 habitantes.

Para ofrecer ás entidades locais ferramentas de soporte a Xunta deseñou e puxo en marcha o pasado mes de marzo o Portal de Transparencia Local de Galicia, unha plataforma gratuíta á que os concellos poden adherirse e dispoñer así dun mecanismo fácil, áxil e adaptado ás novidades normativas e tecnolóxicas que teñen que ver coa transparencia e o cumprimento dos deberes legais.

Prieto Viso explicou que no portal atópase toda a información que os concellos deben publicar conforme ao ordenamento xurídico e facilítase a súa consulta dunha forma clara, estruturada, entendible e de fácil acceso.

A directora xeral sinalou que a transparencia xa non é só unha oportunidade aberta para a mellora da calidade democrática, senón unha necesidade e mesmo un deber co triplo obxectivo de incrementar a confianza cidadá, previr eventuais casos de corrupción ou mala xestión, e reforzar a eficiencia das administracións.

4 de abril de 2018 | 16:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.