publicidade hoxe

Medio Rural achega 400 mil euros a 34 titulares de montes da Terra Chá para actuacións preventivas dos incendios forestais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA PastorizaLocal Portada
A-
A+

A Consellería do Medio Rural achegou 417.000 euros a 34 propietarios de montes da comarca da Terra Chá, tanto persoas físicas como comunidades, para a realización de tratamentos silvícolas e outros labores co obxectivo de previr os danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes, e de incrementar a capacidade de adaptación e o valor ambiental dos ecosistemas forestais.

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe os terreos da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da Rigueira, os montes de Mudia na Pastoriza, que foi unha das beneficiarias por estas axudas, e mantivo un encontro cos seus representantes ao que tamén asistiron o alcalde, Primitivo Iglesias, e a xefa territorial da Consellería do Medio Rural, Olga Iglesias, entre outros.

Balseiro explicou que a Xunta subvencionou accións de roza, poda e tratamento dos restos e, no caso das comunidades de montes, ademais do control selectivo do combustible tamén se financiou a construción de puntos de auga.

As achegas responden a dúas liñas de subvencións, unha delas especificamente dirixida aos montes veciñais e Sociedades de Fomento Forestal (Sofor) e a outra aberta a calquera persoa propietaria, física ou xurídica. Na Terra Chá, os expedientes de axudas que corresponden ás comunidades de montes supoñen o 65% do total.

Ao respecto, Balseiro lembrou que a Consellería do Medio Rural dálles aos montes veciñais en man común carácter preferente nas súas actuacións de fomento e mellora da produción agraria, e destacou que estes “poden xogar un papel importante no obxectivo, que nos compete a todos, de manter a masa forestal nas mellores condicións posibles para evitar os incendios ou minimizar os seus efectos”.

O delegado afirmou que estas achegas son complementarias aos convenios que a consellería ten subscritos sobre máis de 200 montes da provincia que son de titularidade privada. Así, os propietarios non poden utilizar estas achegas para executar traballos sobre a superficie que teñen consorciada coa Administración, pero si sobre outras áreas da súa propiedade.

Neste sentido, Balseiro sinalou que a Consellería do Medio Rural executa actualmente proxectos forestais en montes consorciados en 37 concellos da provincia, que supoñen un investimento de preto de 3 millóns de euros.

O delegado asegurou que a Xunta procura a valorización do monte galego “para que sexa un activo de importancia para os seus propietarios, produtor de rendas e servizos, ao tempo que mellora a estrutura forestal de Galicia e consolida a nosa paisaxe, fauna e flora”.

4 de abril de 2018 | 16:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.