publicidade hoxe

Medio Ambiente rematará en maio os talleres participativos para o deseño da Infraestrutura Verde da área da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, destacou esta mañá que o departamento que dirixe rematará no mes de maio os talleres participativos para avanzar no deseño do Sistema de Infraestrutura verde da Área da Coruña.

Así o puxo de manifesto esta mañá durante a súa intervención na inauguración das II Xornadas Internacionais de Educación Ambiental, organizadas polo Centro de Extensión Universitaria e Educación Ambiental de Galicia (Ceida), onde engadiu que na actualidade estase a definir a estratexia de actuación, tras rematar as entrevistas cos 30 concellos que integran este proxecto e que o obxectivo é rematar o seu deseño a finais deste mesmo ano. Sinalou que esta ferramenta será un motor económico para esta zona e que terá na ría do Burgo, unha das áreas primordiais de actuación.

A conselleira de Medio Ambiente agradeceu a oportunidade de participar nesta actividade divulgativa, na que puido expoñer parte do traballo en materia de educación ambiental que está a levar a cabo o departamento que dirixe. Ademais do desenvolvemento de Infraestrutura Verde da Coruña, destacou o traballo do Observatorio Galego de Educación Ambiental, ao que se lle vén de dar un novo impulso para manter o seguimento e avaliación da situación da educación ambiental na nosa comunidade, coa monitorización dos distintos programas sobre educación ambiental.

Tamén detallou o traballo que leva a cabo a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, que xestiona -dentro dos espazos naturais protexidos- centros e puntos de información, así como aulas da natureza. Estas infraestruturas promoven a concienciación ambiental, e serven para mellorar o coñecemento da Rede Natura 2000 e dos parques naturais galegos e son espazos nos que se realizan actividades de educación ambiental e atención aos visitantes, tanto en visitas programadas como non programadas.

Beatriz Mato defendeu que a educación ambiental vai un paso máis alá dos coidados do medio ambiente, xa que promover un urbanismo e territorio sostible é tamén unha cuestión directamente relacionada coa educación ambiental. Neste senso, destacou o programa Paisaxe e sustentabilidade, promovido polo Instituto de Estudos do Territorio (IET), que fomenta a valoración da paisaxe propia e a cultura da sustentabilidade por parte do alumnado, e no que participan máis de 3.000 alumnos.

Tamén salientou o traballo que se vén desenvolvendo desde hai máis de 15 anos co Proxecto Terra, un proxecto cultural, recoñecido a nivel internacional, que constitúe un referente pedagóxico no achegamento á arquitectura e ao territorio.

Por último, a conselleira de Medio Ambiente salientou a necesidade de inculcar todos estes conceptos desde as idades máis cativas, polo que destacou o programa educativo MeteoEscolas ou Protexe o teu medio, programas didácticos que pretenden fomentar unha comunidade de profesores, alumnos e científicos traballando na tarefa común de coñecer mellor a calidade do aire e como esta ciencia inflúe no día a día de cada un.

23 de abril de 2018 | 16:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.