publicidade hoxe

A Xunta dotará de novo chan ao ximnasio do CEIP O Castiñeiro de Laza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLazaLocal Portada
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de anunciar un investimento de arredor de 15.000 euros para para a instalación dun novo chan no ximnasio do CEIP O Castiñeiro, na localidade ourensán de Laza. Con tal motivo a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, desprazouse hoxe ata o centro educativo para informar á dirección da actuación prevista.

A representante do Goberno galego, acompañada pola xefa territorial de Educación, María Luz Fernández Quintas, e a arquitecta técnico do proxecto, indicou que esta obra se executará ao abeiro do plan anual de obras de rehabilitación, ampliación e mellora (RAM). Ä visita tamén acudiu o alcalde da localidade, José Ramón Barreal.

A actuación, que se executará durante as vacacións de verán co fin de non interferir na actividade académica, consistirá na colocación de tarima flotante sobre o terrazo existente na zona destinada ao ximnasio, que ten unha superficie de 300 metros cadrados.

Coincidindo con estes traballos tamén se continuará coa substitución, iniciada recentemente, do valado exterior de malla electro soldada por unha nova.

Díaz Mouteira salientou o esforzo inversor da Administración autonómica en acondicionamentos e melloras dos centros escolares da provincia, co obxectivo de dar resposta ás súas necesidades. Concretamente, nos últimos anos, o departamento autonómico dirixido por Román Rodríguez investiu preto de 70.000 euros no CEIP O Castiñeiro.

24 de abril de 2018 | 17:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.