A Xunta amplía a rede de recursos de conciliación na provincia de Lugo coa entrada en servizo de cinco novas casas niño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, anunciou hoxe a apertura este ano doutras 17 Casas Niño ao abeiro da convocatoria de axudas de 2017 que se sumarán ás 29 que están actualmente en funcionamento, de tal xeito que antes de que remate o presente exercicio estarán operativos 46 recursos de conciliación deste tipo en municipios de carácter rural das catro provincias galegas. Así o indicou esta mañá no transcurso dunha visita á Casa Niño A Croa recentemente posta en marcha no concello lucense de Riotorto, na que estivo acompañado da directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González.

En declaracións aos medios de comunicación, o conselleiro insistiu na importancia que teñen estes servizos tanto para o coidado dos nenos e nenas de 0 a 3 anos que viven en contornos rurais como para facilitar a conciliación da vida laboral, familiar e social dos pais e nais. Neste sentido, apuntou que o Goberno galego seguirá estendendo as Casas Niño para crear unha rede máis ampla de recursos de conciliación no rural, avanzando que no primeiro semestre deste ano sairá adiante unha nova convocatoria de axudas, a terceira, para outorgar outras 15 subvencións para o desenvolvemento doutros tantos proxectos. No seu conxunto, entre as dúas primeiras convocatorias de 2016 e 2017 e a nova orde de axudas que sairá nos vindeiros meses, a Xunta investirá 6,1 millóns de euros para facer posible a entrada en servizo de 61 Casas Niño.

Rey Varela sinalou que a posta en marcha desta iniciativa piloto na comunidade “é unha mostra da inequívoca aposta da Xunta de Galicia porque nos municipios rurais existan os mesmos recursos que nas cidades”, nomeadamente no ámbito da familia e a infancia. Así mesmo, apuntou que “tamén constitúe un apoio aos emprendedores en localidades de carácter rural que con proxectos como este dan resposta a unha demanda como é o coidado dos máis pequenos e ás necesidades de conciliación”.

Na actualidade, a provincia de Lugo ten en funcionamento 8 Casas Niño, ás que se engadirán outras 5 correspondentes á convocatoria de 2017. Así pois, xunto coa de Riotorto, en breve tamén entrarán en funcionamento as situadas nas localidades de Castroverde, Ourol, A Pobra do Brollón e Paradela.

Por último, o titular da carteira autonómica de Política Social reiterou que “seguiremos apostando por este servizo porque investir no benestar das familias e dos nenos é facelo no presente e futuro de Galicia”, ao tempo que engadiu que o impulso de novos recursos como as casas niño “responde ao compromiso de facer que Galicia sexa un mellor lugar para vivir, para formar unha familia e, sobre todo, para ser neno”.

Próximas aperturas

A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, vén de comunicar os proxectos de novas Casas Niño que recibirán axudas para a súa posta en marcha e desenvolvemento con cargo á convocatoria de 2017. Ademais das 5 antes sinaladas que abrirán na provincia de Lugo, o resto distribúese do seguinte xeito: 9 nos concellos ourensáns de Baltar, Beariz, Os Blancos, Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, O Irixo e San Amaro; 2 nos municipios coruñeses de Dumbría e Frades; e 1 en Donzón, localidade da provincia de Pontevedra.

Cómpre sinalar que as Casas Niño constitúen un recurso gratuíto para as familias que residen en concellos de menos de 5.000 habitantes nos que non exista ningún outro recurso de atención continuada á infancia. Esta medida forma parte das iniciativas que se contemplan no Programa de Apoio á natalidade (PAN Galicia) que Política Social está a desenvolver dende finais de 2015 con accións como a Tarxeta Benvida, o Bono Concilia e o Bono Coidado, a apertura de novas escolas infantís –con especial atención aos polígonos empresariais e industriais- ou o incremento das prazas sostidas con fondos públicos.

4 de abril de 2018 | 16:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.