A Policía Autonómica realiza 174 inspeccións para velar polo cumprimento da Lei de prevención de bebidas alcohólicas en menores
Axentes do grupo de Menores da Policía Autonómica levaron a cabo entre o 16 e o 22 de abril un total de 174 inspeccións de control en 21 concellos galegos.
Por parte dos distintos Grupos de Menores da Policía Autonómica da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Santiago nesta pasada semana, realizáronse 32 dispositivos de control de menores en risco de desamparo (absentismo escolar e consumo de alcohol/tabaco e drogas en menores de idade), nos concellos da Coruña, Betanzos, Celanova, Coirós, Chantada, Ferrol, Lugo, Marín, Melide, Muxía, O Carballiño, Oroso, Ourense, Ponteareas, Pontevedra, Ribadavia, Santiago de Compostela, Sanxenxo, Sarria, Vilaboa e Vigo.
Como resultado do dispositivo levado a cabo, foron identificadas 70 persoas e inspeccionadas 174 zonas de ocio, locais e centros comerciais. Levantáronse 25 actas de infracción, das cales 19 foron por venda de alcol, 2 por consumo de alcol e 1 por venda de tabaco.
A Policía Autonómica, dende a entrada en vigor da Lei 11/2010, de prevención de bebidas alcohólicas aos menores de idade, leva a cabo diversos dispositivos policiais por toda a Comunidade Galega, para velar polo cumprimento da mesma e previr o consumo deste tipo de bebidas polos menores de idade.
Nestes dispositivos, ademais das denuncias pola infracción da Lei 11/2010, tamén se informa aos propietarios dos locais do seu contido, das actuacións que deben levar a cabo para o cumprimento da mesma e evitar o consumo de alcol entre os menores de idade, así como, que por parte da Policía Autonómica se continuará coas actividades necesarias para velar polo cumprimento da norma.











