Xunta e REAJ promoven a mobilidade dos xóvenes galegos a través dun programa de intercambios internacionais

Cecilia Vázquez na presentación do programa de intercambios
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, asistiu á presentación da quinta edición do programa de intercambios internacionais que pon en marcha a Red española de albergues juveniles (REAJ) e a Xunta de Galicia en albergues internacionais. No acto tamén estivo presento o Director General de Juventud de Murcia y presidente da REAJ, Javier Sánchez López.
O programa de intercambios proporciona aos mozos e mozas unha oportunidade única de vivir e colaborar en albergues doutros países onde poderán gozar dunha experiencia internacional mellorando as súas habilidades e capacidades.
O obxectivo do programa é potenciar o desenvolvemento persoal e profesional da mocidade, facilitándolles formación en distintas actividades profesionais. “Unha oportunidade única para medrar persoal e profesionalmente, coñecer outras culturas e descubrir novos lugares de Europa”, afirmou a titular autonómica.
Esta nova convocatoria ábrese hoxe e ofertará prazas en albergues da República Checa, Escocia, Eslovenia, Portugal, Países Baixos, Italia, Croacia e Inglaterra.
A convocatoria está aberta a rapaces e rapazas de 18 a 30 anos de idade que teñan o carné de alberguista e que acrediten o nivel B1 en lingua inglesa. Os participantes só asumirán o coste do desprazamento, xa que o aloxamento e a manutención son gratuítos. A duración dos intercambios é de entre dúas semanas e un mes e a xornada dos participantes é de 30 a 40 horas semanais, con dous días libres por semana.
Os interesados deberán apuntarse na páxina web da REAJ. Tras completar o formulario, os e as candidatas teñen que enviar por email a voluntariado@xunta.gal o carné de alberguista escaneado, o certificado de nivel B1 en inglés ou o de selectividade/bacharelato, así como unha carta de motivación en inglés explicando por que queren participar no programa.
Cómpre destacar que 137 mozos e mozas participaron xa neste programa desde o seu lanzamento.
Entrega do carné de alberguista á Federación de scouts
REAJ e a Federación ASDE Scouts de España asinaron un convenio de colaboración o pasado mes de decembro co obxectivo de fomentar o alberguismo e o coñecemento da rede de albergues a todos os grupos scouts do país. Ao abeiro desta colaboración, Cecilia Vázquez fixo hoxe entrega –a través do presidente da Federación, Adrián Rodríguez Pernas- do carné de alberguista aos 8 grupos scouts de Galicia que forman para da federación. Deste xeito, terán acceso aos máis de 290 albergues que hai en España, aos máis de 4000 que hai en todo o mundo e ademais terán acceso aos milleiros de descontos nacionais e internacionais durante o período de validez do carné.











