publicidade hoxe

Vilalba acollerá unha xornada para fomentar os seguros agrarios nos sectores de vacún de leite e carne

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVilalba
A-
A+
Belén do Campo na xuntanza

Belén do Campo na xuntanza

O Centro Cultural e Recreativo de Vilalba (Lugo) acollerá mañá martes, ás 16:00 horas, unha xornada sobre seguros para explotacións de vacún de leite e carne, organizada por Agroseguro e a Consellería do Medio Rural. Esta iniciativa forma parte da campaña impulsada por ambas entidades para fomentar a subscrición de pólizas en diversos sectores agrarios e gandeiros galegos.

Así o avanzaron a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, e o director territorial Noroeste de Agroseguro, Ramón Martín, tras unha xuntanza de traballo mantida na sede da Consellería, en San Caetano. Neste encontro púxose en valor o traballo conxunto de ambas entidades a prol do aseguramento no agro galego.

Así mesmo, a directora xeral lembrou que a Xunta destina este ano un total de cinco millóns de euros ás axudas para o fomento dos seguros agrarios, o importe máis elevado dos últimos cinco anos, e incrementa o orzamento previsto nun 8% con respecto á convocatoria de 2017.

Coa aprobación destas axudas, a Administración autonómica consolida o seguro agrario como ferramenta eficaz e fiable diante dos riscos naturais no sector agrario, permitindo aos agricultores e gandeiros a obtención de rendas dignas en caso de sinistros e aportando estabilidade á xestión das súas explotacións. Todos estes aspectos poranse de manifesto na xornada prevista para mañá en Vilalba e que estará centrada no sector vacún, tanto de leite como de carne.

19 de marzo de 2018 | 16:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.