SmartPeme ofrece case 50 obradoiros nas sete oficinas da provincia durante este mes de marzo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

As oficinas de SmartPeme na provincia de Pontevedra acollerán este mes 47 novos obradoiros ao abeiro da rede TIC impulsada pola Deputación de Pontevedra. SmartPeme ofrécelles ás persoas emprendedoras e pemes servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións empresariais e as mozas e mozos autónomos.

As sedes de Vigo, O Porriño e Ponteareas ofrecerán en conxunto 23 obradoiros; mentres que Pontevedra suma oito, Cambados outros tantos, Lalín seis e A Estrada dous. As persoas interesadas en participar nestes obradoiros, que se celebrarán na súa práctica totalidade a partir das 19:00 horas, poderán formalizar a súa inscrición chamando ao 886202020 ou ben a través do correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou da páxina www.smartpeme.depo.es. (O listado completo por oficinas e as datas está dispoñible máis abaixo).

O proxecto SmartPeme é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das pemes e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos campos de actuación. Este proxecto desenvolverá novas carteiras de servizos. Así, ábrense tres grandes liñas como son o Centro Provincial de Economía Dixital (CPED), que estará situado no viveiro de empresas de Barro, SmartPeme Impulsa e TurisTIC, que estarán dispoñibles para as persoas autónomas e empresas nos vindeiros meses.

A través do Centro Provincial de Economía Dixital vanse dar a coñecer ás empresas as ferramentas, aplicacións e solucións innovadoras máis relevantes que a economía dixital ofrece. Para iso, o CPED vaise apoiar nas instalacións do FabLab que a Deputación de Pontevedra ten instalado no viveiro de Barro.

Doutra banda, SmartPeme Impulsa abrirá novas vías de asesoramento en materia de innovación, competitividade e internacionalización, unindo deste xeito os obxectivos das empresas coas máis novas tecnoloxías, procesos e servizos.

Finalmente, TurisTIC erixirase como o punto de apoio do sector turístico. Este servizo, enmarcado no Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas, pretende potenciar o sector a través de axudas ás empresas para adaptarse á contorna dixital. Adicionalmente, esta liña de SmartPeme contará con iniciativas innovadoras coma unha aceleradora para empresas TIC relacionadas co sector turístico, e un congreso sobre o impacto das novas tecnoloxías no sector.

5 de marzo de 2018 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.