Rosa Quintana enxalza o labor da Xunta na profesionalización das actividades das mulleres do mar
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo en valor hoxe no Parlamento o labor da Xunta de Galicia na profesionalización das actividades das mulleres do mar. Un eido, destacou, “no que levamos traballando vinte e cinco anos” e que se materializou en feitos, sinalou, como a profesionalización das mariscadoras e redeiras e tamén das empacadoras e comercializadoras.
Neste sentido lembrou que, no caso das mariscadoras, se conseguiu “que se puideran dar de alta na Seguridade Social e cotizar para unha pensión”. Ademais, engadiu, “acadaron o posto que lles correspondía na xestión do seu labor e hoxe a cogobernanza da actividade é un feito plasmado en case 100 plans de xestión aprobados para o marisqueo”.
No caso das redeiras, lembrou que as xestións da Xunta contribuíron a acadar “o recoñecemento profesional da actividade e a consolidar a entrada no seguro social”. Uns pasos, subliñou, que “foron a base dun recoñecemento dunha actividade senlleira e indispensable para a pesca”.
Outro avance, engadiu a titular de Mar, foi a constitución da primeira asociación de mulleres da pesca en España, Anmupesca. Tamén se deron pasos desde o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) para “analizar, diagnosticar e dotar de pautas correctivas nos eidos da seguridade e saúde laboral”.
Ademais, sinalou Rosa Quintana, a Secretaría Xeral de Igualdade ten incluído no VII Plan Estratéxico de Galicia para Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes 2017-2020 os obxectivos de apoiar ás mulleres na incorporación ás estruturas de decisión do sector pesqueiro e impulsar a empregabilidade e o desenvolvemento profesional das mulleres do mar como motor de dinamización e crecemento económico.
Por último, a conselleira fixo fincapé en que o mellor exemplo do avance da muller na pesca se plasma en cifras de participación nos eidos directivos do mar. Neste sentido, destacou que o 24% da xunta xeral da Federación galega de confrarías son mulleres e que Galicia conta con 14 patroas maiores de confrarías, 28 vicepresidentas e case 200 vocais entre cabidos e xuntas xerais.











