publicidade hoxe

Preséntase o proxecto Millenials, un plan de emprego xuvenil para a mocidade da provincia con sede na comarca do Deza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocal PortadaPontevedraVila de Cruces
A-
A+

O deputado de Cooperación, David Regades, acompañado de alcaldes e representantes municipais dos concellos do Deza e Tabeirós-Terra de Montes, presentou esta mañá o novidoso proxecto “Millenials. Let´s go to work”. A través desta iniciativa, tal e como subliñou o deputado provincial, “pretendemos, pese a non ter competencias neste eido, fomentar o emprego e mellorar a empregabilidade da mocidade da nosa provincia xa que sabemos que o emprego é un importante condicionante para fixar poboación e frear o despoboamento no rural”.

“Millenials. Let´s go to work” trátase dun plan de emprego con sede en Lalín dirixido á formación da mocidade de toda a provincia, con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos e no marco do Plan Nacional de Garantía Xuvenil, para mellorar a súa empregabilidade e acceder ao mercado laboral a través de formación e asesoramento gratuíto ligado ao emprendemento. O proxecto impulsado pola Deputación de Pontevedra, tal e como informou o deputado de Cooperación, conta cun orzamento de máis de medio millón de euros e financiamento do Fondo Social Europeo en colaboración coa EOI.

A través de “Millenials” vanse poñer en marcha sete accións formativas gratuítas entre abril e xuño que, amais, foron consensuadas “co sector empresarial da comarca para coñecer cales eran aquelas materias formativas que máis poderían ser demandadas polas empresas de cara a futuras incorporacións laborais”, indicou Regades. En concreto, ofertaranse cursos de “Xestión e operativa en comercio e loxística internacional” (de 280 horas, en Lalín), “Arqueoloxía e conservación/restauración” (de 190 horas, no Pazo de Liñares), “Manipulación e procesos de conservación en carne, lácteos, froitas e hortalizas (de 220 horas, en Lalín), “Despece de cárnicos” (de 320 horas, en Lalín), “Fabricación e mantemento de instalacións de clima, frío e eléctricas” (de 290 horas, en Lalín), “Soldadura de aluminio” (de 280 horas, en Vila de Cruces) e “Loxística e xestión de almacéns” (de 315 horas, en Lalín).

As persoas interesadas en participar en “Millenials” poderán inscribirse a partir do vindeiro venres, a través dun banner na páxina web da Deputación de Pontevedra. O deputado de Cooperación destacou que “amais de mellorar a empregabilidade, a través do proxecto imos facilitar o acceso ao mercado laboral da mocidade, de feito, completaremos o plan con actuacións dirixidas a facilitar a inserción laboral das persoas participantes, en colaboración cos concellos e as asociacións de empresarias e empresarios”.

De feito os alcaldes e representantes municipais presentes na presentación do proxecto “Millenials” destacaron que “se trata dunha iniciativa moi importante para nós, para que os concellos do Deza e Tabeirós-Terra de Montes non perdan poboación, así que estamos moi agradecidos por esta oportunidade e avalamos totalmente estas ideas”.

O proxecto “Millenials” forma parte dos compromisos que a Deputación de Pontevedra puxo en marcha para relanzar o viveiro de Lalín. Regades destacou que “en Barro impulsamos o DepoFabLab, coa última tecnoloxía en fabricación e impresión e en Lalín un proxecto para converter ao viveiro nun referente e nun espazo de uso sostible”. Máis polo miúdo o deputado de Cooperación destacou que a meirande parte das iniciativa postas en marcha en Lalín xa están iniciadas, “como o programa DepoEmprende, a través do cal 15 persoas están recibindo 140 horas de formación para a promoción da cultura emprendedora, ou DepoIntegra Xoven, recentemente presentado, que vai ofertar dous itinerarios formativos dirixidos á obtención de certificados de profesionalidade centrados no comercio e na venda”.

5 de marzo de 2018 | 17:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.