publicidade hoxe

Ponteareas recibe o programa da Deputación “Mulleres en acción. Violencia zero”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonteareasPontevedra
A-
A+

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e pola deputada provincial, Digna Rivas, asistirá este martes 6 de marzo, ás 12 horas, na praza Maior, (en caso de mal tempo se trasladará ao Auditorio Reveriano Soutullo), á oitava intervención artística do programa “Mulleres en acción. Violencia zero”, unha iniciativa que ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas así como dar a coñecer o traballo de novas artistas contemporáneas que están a traballar a prol da igualdade. Na acción tamén participarán alumnas e alumnos de 4.º da ESO e 1.º de Bacharelato dos IES do Barral, IES Val do Tea e IES Pedra da Auga.

Nesta ocasión, a protagonista da acción artística será a cantante galega Wöyza, que exporá algunhas das dúbidas, dificultades e retos que foi superando nesta busca da expresión artística desde un punto de vista feminino, facendo un breve percorrido a través dalgunhas das súas obras, ao longo da súa vida e das súas experiencias.

Wöyza é unha artista galega vencellada ao hip hop que conta con 15 anos de experiencia. Despuntou no 2008 co seu álbum debut “Pisando el suelo que ves”, o cal tivo un grande éxito que levouna a colaborar con grandes representantes da música nacional e internacional como Nach, Dealema ou Marco Polo. Compartiu escenario con algunhas mestras e mestres coma Cristina Pato, Carlos Núñez ou Bomba Estéreo; e tocou en festivais, salas e eventos de toda a península.

“Mulleres en acción. Violencia zero” reúne o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. Esta terceira edición comezou en novembro de 2017 e novamente terá lugar este ano en 25 concellos da provincia (Vigo, Pontevedra, Cerdedo-Cotobade, Mos, A Lama, Forcarei, As Neves, Lalín, Cambados, Ponteareas, Barro, A Cañiza, Valga, Silleda, Catoira, Gondomar, A Guarda, A Illa de Arousa, Bueu, Moaña, O Porriño, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa, Mondariz e O Rosal).

5 de marzo de 2018 | 17:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.