Política Social reforza os bancos de familias do programa Convive para adolescentes que teñan que cumprir unha medida xudicial de convivencia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia
A-
A+
José Manuel Rey Varela na sinatura do convenio

José Manuel Rey Varela na sinatura do convenio

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e o presidente da Asociación Arela, Santiago Fernández, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para o financiamento do programa Convive, dirixido á captación, valoración, formación e seguimento de persoas ou familias para convivir con menores que teñan que cumprir unha medida de convivencia con outra persoa, familia ou grupo educativo, posibilitando o mantemento dunha rede que permita en todo momento a execución das medidas deste tipo que diten os xulgados de menores de Coruña e Pontevedra.
A medida persegue substituír á familia da persoa menor infractora por outra persoa, familia ou grupo educativo que, asumindo os deberes de custodia, lle ofreza un contorno educativo e socializador que a súa familia non está en condicións de proporcionarlle temporalmente por distintas razóns.

Este programa xa se desenvolveu de xeito pioneiro no ano 2017 na provincia da Coruña e dada a súa evolución positiva, Convive esténdese agora á provincia de Pontevedra. O convenio subscrito hoxe céntrase en reforzar o banco de familias existente na Coruña e en contar con outro banco en Pontevedra.
A destinataria do convenio é a sociedade xeral. Non obstante, inicialmente, a busca focalizarase en familias especialmente sensibles coa infancia e a adolescencia vulnerable.

Así mesmo, son destinatarios indirectos do programa os adolescentes maiores de 14 anos aos que os xuíces de menores impoñan en sentencia unha medida de convivencia con persoa ou familia, que se beneficiarán dun ambiente familiar socializador e positivo no que procurar modificar as circunstancias que os levou a infrinxir as normas.

As familias participantes percibirán unha axuda económica para atender os gastos xerados polo neno, nena ou adolescente e na súa selección valorarase positivamente a titulación e/ou formación en ciencias sociais (traballo social, educación social, psicoloxía, pedagoxía…).

Convive desenvolverá un programa de captación, valoración, formación, seguimento e avaliación daquelas persoas e familias que estean dispostas a participar na execución desta medida.

Así, a primeira fase de captación consistirá na difusión da iniciativa a través das redes sociais e das páxinas web da Asociación Arela e da Xunta de Galicia, ademais de organizarse reunións informativas con grupos de persoas interesadas e colectivos especialmente sensibles, como colexios profesionais, Anpas, entidades sociais, asociacións de veciños etc.

Unha vez que unha persoas ou familia decida formar parte do programa, realizarase un estudo psicosocial a través dun cuestionario, entrevistas e visitas domiciliares. Nesta fase de valoración terase en conta principalmente a relación directa cos adolescentes, a motivación, a titulación e a formación no ámbito das ciencias xurídicas e sociais, a experiencia previa en programas de acollemento familiar etc.

A seguinte fase, a de formación, estruturase a nivel grupal e individual. A primeira versará sobre aspectos como a infracción das normas penais e a súa consecuencia; a medida de convivencia con persoa, familia ou grupo educativo; a organización familiar cun adolescente; o establecemento de normas e límites; manexo de situacións de afecto e de conflito; habilidade e estratexias de convivencia cun adolescente etc. Pola súa banda, a formación individual constará de dúas sesións nas que fundamentalmente se atenderán as dúbidas presentadas pola familia e afondarase nos conceptos e contidos que se estime necesario traballar coa mesma.

Ao longo da convivencia, sen prexuízo da competencia dos profesionais encargados da execución da medida, realizarase un seguimento da familia mediante contacto telefónico e, de ser preciso, entrevistas presenciais.

E, por último, a fase de avaliación levarase a cabo ao finalizar cada medida de convivencia mediante un cuestionario que medirá tamén a satisfacción e dispoñibilidade da familia para continuar co programa.

Para a realización do programa, a Consellería de Política Social achegará á Asociación Arela a cantidade de 27.150 euros. Ademais, en virtude deste convenio, a Administración autonómica xestionará un rexistro actualizado das persoas e familias colaboradoras, establecerá mecanismos de coordinación cos responsables do programa e supervisará e coordinará as actuacións do programa de xeito que se axusten aos obxectivos do mesmo.

Arela contará cun equipo formado por un/unha psicólogo/a así como un/unha traballador/a social ou educador/a social que desempeñarán as súas funcións a tempo parcial. Ademais, contará coa colaboración dun coordinador/a que desenvolva as actuacións de coordinación interprovincial.

Recursos de protección da infancia e adolescencia

Nos últimos anos a medida xudicial de convivencia con outra persoa, familia ou grupo educativo execútase en recursos de protección á infancia que ofrecen ao menor un entorno educativo non privativo de liberdade e alternativo á súa propia familia onde recuperar a súa capacidade socializadora. Estes centros constitúen grupos educativos estables que traballan cos menores cumprindo a función de familia no que respecta ao desenvolvemento de pautas sociais e educativas nos mesmos.

Coa posta en marcha deste no programa Convive, a Xunta avanza un paso máis ao permitir levar a cabo a execución desta medida contando con persoas ou familias que proporcionan ao menor unha contorna diferente á propia na que desenvolver as súas vivencias básicas e educativas. Cómpre indicar que ata agora a medida de convivencia familiar ou grupo educativo é pouco adoptada polos xuíces de menores de Galicia. Así, en 2016 soamente se ditaron sete casos, e desde 2002 rexistráronse un total de 156, sendo os xulgados de menores da Coruña e Pontevedra os que máis impuxeron esta medida.

O programa Convive enmárcase na Estratexia Galega para a Infancia e a Adolescencia (EGIA) que está a elaborar o Goberno galego, e que inclúe entre as súas liñas de intervención unha actuación específica destinada ao desenvolvemento de accións de sensibilización social dirixidas á procura de familias colaboradoras na medida de convivencia con outra persoa, familia ou grupo educativo.

28 de marzo de 2018 | 16:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.