Os concellos que colaboran coa FAEPAC conseguiron reducir a súa factura eléctrica en 840.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Deputación da Coruña, con motivo do Día da Eficiencia Enerxética, insta aos concellos a seguir apostando por accións que contribúan a reducir o consumo eléctrico municipal.

Neste sentido, a Deputación lembra que pon á súa disposición os servizos da Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña (FAEPAC), dos que xa se benefician nove concellos coruñeses (Cariño, Valdoviño, A Capela, Bergondo, Rianxo, Neda, Moeche, Vedra e San Sadurniño, co que se asinará mañá o convenio).

No último ano, estes municipios lograron aforrar 840.000 euros na súa factura eléctrica, mediante o control e proposta de medidas que contribúen a mellorar a eficiencia enerxética das instalacións públicas.

A Deputación recomenda aos concellos adoptar este tipo de accións, posto que o custo medio da factura eléctrica dun municipio rural supón ao redor dun 10% do seu orzamento anual, superando incluso os gastos de persoal en moitos casos.

Asesoramento sobre as facturas

Por outra banda, a FAEPAC tamén ofrece un servizo gratuíto de asesoramento personalizado para particulares sobre facturación eléctrica, aforro enerxético e o bono social, que foi utilizado ata o momento por 222 cidadáns da provincia.

As acción propostas dende a FAEPAC lograron un aforro total de 40.854,75 euros, unha media de 117 euros anuais por cada consulta. Entre estas medidas destacan a detección de erros na factura eléctrica, a optimización da potencia contratada, reclamación ante as compañías eléctricas, aplicacións de medidas de eficiencia ou a elección da tarifa máis axeitada.

Obras para mellorar a eficiencia das instalacións públicas

A Deputación creou, por primeira vez, un plan destinado integramente ao Medio Ambiente, o PMA, onde unha das liñas principais e reducir o custo e as emisións de dióxido de carbono nas instalacións eléctricas dos concellos.

Nos concellos da comarca de Ferrol, o PMA destinou un total de 194.000 euros para renovar o alumeado público en Cariño, Cedeira e Valdoviño e instalar illamento e optimizar os sistemas de calefacción en edificios públicos de As Somozas, Ferrol e Mugardos.

Así mesmo, a través de programas xeralistas coma o Plan Único, no que son os concellos os que deciden os seus investimentos prioritarios, cada vez é máis frecuente que aposten por inversións relacionadas coa eficiencia enerxética.

Por exemplo, na área coruñesa, os municipios de Betanzos, Cambre, Coiros, A Coruña ou Culleredo apostaron por proxectos deste tipo, coma a instalación de luminarias LED, a execución de envolventes térmicas ou a renovación de caldeiras, cunha inversión cercana aos 800.000 euros.

5 de marzo de 2018 | 17:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.