publicidade hoxe

O viveiro de empresas de Barro acolle cinco novos obradoiros do programa “SmartPeme”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBarroPontevedra
A-
A+

O viveiro de empresas de Barro acollerá, durante este mes de marzo cinco novos obradoiros ao abeiro da rede TIC impulsada pola Deputación de Pontevedra. “SmartPeme” oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e empresarias e de mozas e mozos autónomos.

A primeira cita do mes na oficina “SmartPeme” de Barro terá lugar este xoves 8 de marzo co curso “Sistemas embebidos, iniciación ao Arduino” ás 19 horas. A seguinte semana, o mércores 14 ás 11 horas, ofrecerase un obradoiro de “Arduino avanzado con ferramentas libres”. A semana do 19 ao 25 terán lugar dous novos obradoiros, o luns 19 de marzo ás 19 horas sobre “Firewalls, ferramentas imprescindibles para protexer a túa rede” e o mércores 21 ás 11 horas sobre “Iniciación á impresión 3D”. O derradeiro obradoiro de “SmartPeme” do mes de marzo en Barro terá lugar o martes, 27 ás 19 horas, sobre “NAS, a túa solución de almacenamento en rede”.

Lembramos que o novo proxecto “SmartPeme” é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das pemes e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos campos de actuación e alcanza novos grupos de interese coma as persoas emprendedoras, as asociacións empresariais e as e os axentes de dinamización en concellos”. Para isto, nas oficinas de “SmartPeme” hai itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial das e dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedoras e emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as pemes e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

Este proxecto, que se atopa nun continuo proceso de evolución, desenvolverá novas carteiras de servizos, co obxectivo de continuar axudando ás empresas da provincia a ser máis competitivas na contorna económica actual. Deste xeito, “SmartPeme” exponse a unha nova etapa na que verá aumentados os servizos a prestar, abrindo tres novas grandes liñas como son o “Centro Provincial de Economía Dixital” (CPED), que estará situado no viveiro de empresas de Barro, SmartPeme Impulsa e TurisTIC, que se irán facendo dispoñibles para as persoas autónomas e empresas a partir dos vindeiros meses.

Doutra banda, SmartPeme Impulsa, abrirá novas vías de asesoramento en materia de innovación, competitividade e internacionalización unindo, deste xeito, os obxectivos das empresas coas máis novas tecnoloxías, procesos e servizos, e preparando ás empresas locais para competir nos mercados internacionais.

Finalmente TurisTIC erixirase como o punto de apoio do sector turístico. Este servizo, enmarcado no Plan estratéxico de turismo Rías Baixas, pretende potenciar ao sector a través de axudas ás empresas para adaptarse á contorna dixital, cun enfoque específico para cada colectivo. Adicionalmente, esta liña de “SmartPeme” contará con algunhas iniciativas innovadoras como serán a creación dunha aceleradora para empresas TIC relacionadas co sector turístico, e a creación dun congreso sobre o impacto das novas tecnoloxías no sector.

7 de marzo de 2018 | 19:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.