O Museo e Lela Edicións editan un libro de banda deseñada para achegar ao público infantil a arqueoloxía
O Museo de Pontevedra e Lela Edicións veñen de editar un libro de banda deseñada para achegar o mundo da arqueoloxía ao público infantil. Leva por título ‘A detective Peregrina e o misterio do torque’ e será presentado o vindeiro venres ás 18:30 horas no Sexto Edificio cun contacontos dirixido a público familiar.
Esta publicación enmárcase na acción de difusión das coleccións permanentes do Museo a través de accións educativas e de formación de novos públicos, de xeito que reforce outros programas estables, como son as visitas escolares e os obradoiros infantís que se soen realizar de forma estable ao longo do ano. Así, con este novo recurso, o Museo chega ao público infantil nun formato lúdico, e mantendo o rigor histórico e artístico, o patrimonio arqueolóxico da provincia, ao tempo que promove a curiosidade nos nenos e nenas sobre esta materia e fomenta que actúen como transmisores da experiencia recibida na súa contorna familiar.
“A detective Peregrina e o misterio do torque” constitúe ademais a chegada deste personaxe ao formato impreso, xa que leva anos viaxando entre a rapazada de xeito oral nos espectáculos de contacontos de Carlos Taboada e Enrique Mauricio. A detective Peregrina é unha nena intrépida que viste como o investigador inglés Sherlock Holmes e que habita nunha illa estrafalaria, e sempre vai acompañada co seu can Magnun e o seu amigo Roque na busca de aventuras e de resolver misterios. Nesta primeira incursión da detective Peregrina no formato libro, as súas aventuras están relacionadas con puntos arqueolóxicos da provincia, como o castro de Toiriz, ou con importantes achados prehistóricos, como o tesouro de Caldas.











