publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Goberno da Deputación de Lugo colabora co Mercado da Primavera do Valadouro no que participarán 90 postos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoO Valadouro
A-
A+

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, o Alcalde do Concello do Valadouro, Edmundo Maseda Maseda, e o Concelleiro de Cultura, Eduardo Chao González, presentaron este luns no Pazo de San Marcos, a XII Edición do Mercado Tradicional da Primavera do Valadouro que se celebrará os días 23 e 24 de marzo, no que colabora o Goberno da Deputación cunha achega de 6.000 euros. O Executivo Provincial é a unica administración, xunto co Concello, que promove económicamente este evento, no que colaboran diversas asociacións da vila.

García Porto avanzou “que nesta cita participarán preto de 90 postos con toda clase de produtos autótonos, como mel, pan, empanadas, embutidos, así como outro tipo de stands con outro tipo de mercadorías como roupa, calzado ou artesanía. Polo tanto, esta cita é unha oportunidade única para visitar a Mariña Lucense, e ao mesmo tempo desfrutar dun Mercado tradicional con todo tipo de eventos como o desfile de zocas, a ruta de tapas ou os xogos tradicionais”.

O Alcalde do Valadouro, Edmundo Maseda agradeceu a colaboración da Deputación e convidou a todos os visitantes a achegarse á vila nestas datas para vivir unha auténtica festa tradicional de antano, nun enclave único como é o Valadouro. Ademais avanzou que haberá “novidades como a exposición sobre os zoqueiros do Valadouro, de Pepe Blanco, que estará na Casa da Cultura entre o 23 de marzo e o 27 de abril, e a representación de oficios tradicionais con demostracións de ferreiros, zoqueiros ou artesáns”.

O Concelleiro de Cultura, Eduardo Chao, sinalou “que un dos pratos fortes do Mercado será o xa famoso desfile tradicional de zocas, zocos e roupa tradicional, no que participarán todas as categorías. A xornada rematará co concerto na Praza da Banda da Balbina, e co primeiro Zocan´roll do Valadouro, co mítico grupo galego Astarot”.

23 e 24 de marzo

O mercado, comeza o día 23 de marzo co pregón a cargo do escritor mariñán, Lionel Rexes. Será no salón de actos da Casa da Cultura, ás 21:30 horas, despois do pasarrúas co que vai amenizar Amado Lar, polas rúas da vila. Para rematar esta xornada, haberá unha exhibición de baile en zocas no Salón de Actos da Casa da Cultura.

O día grande o 24 de marzo, sábado, será unha xornada con moita actividade, coa apertura do mercado dos postos de venda ás 10:00 da mañá, durante toda o día. Estarán abertos nas rúas Andrés López Palmeiro, Plaza de Santa María, Parque Concepción Arenal e a Explanada do Matadero.

Na Praza de Santa María poderase aprender o arte da pesca, coa colaboración da asociación de pescadores “Amigos do Ouro”, tamén dar un paseo en cabalo ou mesmo participar en xogos tradicionais a carón da piscina. Como novidade, este ano haberá unha actividade de tiro con arco para todos os públicos no aparcadoiro da rúa Andrés López Palmeiro. Na mesma liña de outras edicións, estará presente o mítico fotoenxebre, onde os visitantes poderán obter unha fotografía desta visita.

A nota musical enxebre pona o grupo do Valadouro Maseda, que intervirá na sesión vermú, para máis tarde dar paso aos grupos de cantos de taberna e aos pasarrúas de Festicultores Troupe. E sen esquecer a exhibición de baile rexional a cargo da Asociación cultural Amado Lar. Por último, haberá exposición de coches e vespas clásicas polas rúas da vila.

19 de marzo de 2018 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.