O Centro Cultural “Marcos Valcárcel” estrea a mostra “Hortus Conclusus”, de Christian Villamide

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense acolle unha nova mostra nas súas instalacións, “Hortus Conclusus”, do artista Christian Villamide, na que a paisaxe é un referente constante. A presentación da mostra tivo lugar hoxe, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o director do Centro Cultural, Francisco González; e o propio artista.

O vicepresidente da Deputación de Ourense explicou que na mostra, o artista fai “unha construción da paisaxe e a súa (de)construción como dous movementos telúricos que fan da súa obra unha reelaboración desa paisaxe como un reactivo natural”. Mentres que, Francisco González explicou que o catálogo da mostra editarase nos vindeiros días “porque queremos incluír as imaxes da obra montada na propia sala, unha obra fundamentalmente visual que debe entenderse contextualizada nestas instalacións”.

Sobre a exposición, o director do Centro Cultural sinalou que “a única vez que expuxo en Ourense foi no ano 1991, pero non volveu desde entón, e faino cunha obra minimalista nunha exposición limpa e sintética, onde a paisaxe é un referente constante”.

Pola súa parte, Christian Villamide explicou que “a natureza é o tema que domina a miña obra. Os meus traballos non só levan consigo unha atracción sentimental pola mesma, tamén son unha visión realista desta. Non procuro unha interpretación dunha natureza limitada, nunha contorna concreta, interésame tanto a paisaxe idílica como a transformada polo home e tamén o noso crecente desapego emocional e intelectual co propio espazo natural”. O artista destacou que espera que a súa obra inspire aos visitantes á “reflexión e a autocrítica”.

8 de marzo de 2018 | 18:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.