publicidade hoxe

“Muller e enfermidade renal” será o lema das actividades que organiza Alcer Ourense polo Día Mundial do Ril

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseOurense
A-
A+

A Deputación de Ourense colabora coas actividades que ten programadas a Asociación para a Loita Contra as Enfermidades Renais (Alcer Ourense), para celebrar o Dia Mundial do Ril, mañá xoves, 8 de marzo. O lema deste ano é “Muller e enfermidade renal”, xa que este ano coincide co Día da Muller. A presentación desta iniciativa tivo lugar hoxe no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Ourense; Jesús Vázquez Abad; o vicepresidente de Alcer Ourense, Carlos Caamaño; e o delegado provincial da Sociedade Española de Farmacia Familiar e Comunitaria (SEFAC), Óscar Penín.

Rosendo Fernández, quen agradeceu o labor que realiza a asociación Alcer Ourense, explicou que a Deputación de Ourense colabora “con esta causa socio-sanitaria unha vez máis co obxectivo de sensibilizar e crear conciencia na sociedade sobre a importancia de prever as enfermidades renais con hábitos de vida saudable”. O vicepresidente do goberno provincial salientou que “a enfermidade renal crónica afecta a máis do 15% da poboación española e, segundo os últimos estudos, existe un descoñecemento xeral desta patoloxía entre a poboación, e sobre todo, en algo tan primordial como son os factores de risco e as medidas de prevención”.

Carlos Caamaño explicou que “cada día son máis as persoas que padecen esta enfermidade afectando na actualidade a 1 de cada 7 persoas, moitas delas mulleres”. Para conmemorar esta data, Alcer Ourense instalará unha carpa informativa, na que realizarán actividades de prevención coa colaboración da Escola de Enfermaría, desde ás 10.00 ata as 20.00 horas, na rúa do Paseo, fronte ao Centro Cultural José Ángel Valente. Alcer tamén realizou un videoclip protagonizado por mulleres con enfermidades renais.

O alcalde de Ourense agradeceu a Alcer Ourense o labor que realiza “axudando ás persoas afectadas por enfermidades renais e desenvolvendo un conxunto de actividades de prevención e loita contra estas doenzas que afectan aos riles”. E tamén agradeceu a SEFAC, “pola súa implicación na prevención de enfermidades renais impartindo charlas e consellos nas farmacias asociadas durante toda a xornada”. Jesús Vázquez lembrou que tamén haberá “charlas no Cristal Piñor con persoal do servizo de Nefroloxía do CHUO para orientar e fixar as pautas que todos debemos adoptar para garantir a saúde dos nosos riles. Concienciar e prever é o mellor xeito de loitar contra unha enfermidade”.

O delegado provincial da SEFAC informou das actividades que van realizar as farmacias, “participando en campañas de concienciación da poboación sobre a enfermidade renal, o tratamento e a problemática; organizando actividades formativas; dando difusión a actividades de Alcer, e como Farmacias Comunitarias, participando no control e seguimento de enfermidades e factores de risco da diabete e da presión arterial e, ao mesmo tempo, informando sobre medicamentos que son empregados pola sociedade de forma habitual e que, ás veces, non coñecemos o dano que nos pode provocar”.

7 de marzo de 2018 | 19:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.