Medio Rural acondiciona o local social ordense de Poulo para conservar o folclore tradicional da zona
O director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois, desprazouse esta mañá xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, para supervisar as obras de acondicionamento do local social de Poulo, ubicado no concello de Ordes. O investimento realizado por esta axencia, dependente da Consellería do Medio Rural, ascende a 60.258 euros, cubrindo así o cen por cento dos custos das obras.
Este proxecto singular ten como obxectivo mellorar a calidade de vida dos veciños a través da posta en valor destas infraestruturas, onde se imparten actividades socioculturais destacando sobre todo aquelas destinadas a conservación do folclore tradicional, baile, música e exposición de vestiario tradicional.
Pérez Dubois asegurou que a mellora deste local permite dinamizar os usos que se lle poidan dar, converténdoo nun centro folclórico de referencia ao atoparse en plena ruta do Camiño Inglés de Santiago. O director xeral explicou que as obras consistiron na adecuación dos interiores do local e unha humanización do seu entorno, de xeito que cumpra coa función social para os veciños da parroquia e, ao mesmo tempo, poida ser un lugar de entretemento e interese cultural para visitantes.
Iniciativas financiadas
A Consellería do Medio Rural achegou case un millón de euros en 2017 para financiar diferentes proxectos singulares en 15 concellos galegos, como o que hoxe se visitou. Entre elas salientan, o acondicionamento do antigo matadoiro para secado de xamóns na Cañiza ou a rehabilitación da ponte da Carixa, en Vila de Cruces. No eido do patrimonio tamén se traballou na humanización da igrexa de Torres, en Vilarmaior, a recuperación dun muíño do século XIX no Bolo ou a restauración das pontes de San Lourenzo e Almofrei, ambas en Cerdedo-Cotobade.
Outros proxectos que recibiron apoio de Medio Rural centráronse por exemplo na adaptación das antigas oficinas veterinarias das naves da feira de Rubián, en Bóveda, para convertelas nun local social, diversas melloras no recinto feiral de Melide ou a humanización da contorna do Castelo de Mesía.