publicidade hoxe

Medio Rural achega 69.000 euros ao concello de Cabanas para mellorar os seus equipamentos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCabanasLocal Portada
A-
A+

O director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe o concello de Cabanas para coñecer diferentes proxectos que foron financiados dentro do Plan Leader e con fondos que xestiona a Consellería do Medio Rural.

O primeiro deles consistiu na mellora das infraestruturas de captación de depósito de augas na pedra do Couto, co obxectivo de facer un subministro máis controlado e eficiente para a poboación. En concreto, substituíuse a vella tecnoloxía de control e monitorización da auga.

Deste xeito, terase asegurado un servizo eficiente durante todo o ano, tamén durante os meses de verán, cando o concello de Cabanas experimenta un importante incremento de poboación cos usuarios nas zonas turísticas. A axuda recibida polo municipio para acometer estas actuacións superou os 30.000 euros.

O segundo dos proxectos é unha aula de usos múltiples do edificio de servizos socioculturais, que contou cunha subvención Leader por importe de 38.400 euros, para un investimento total de arredor de 60.000 euros. Realizouse a adecuación de dúas salas na planta primeira do edificio para dotala dunha aula de informática e dun espazo complementario para impartir charlas e para a celebración de reunións. Así, neste centro impartiranse actividades formativas para fomentar a alfabetización dixital dos veciños, mellorando así aspectos como a empregabilidade de mozos e adultos.

O director xeral e o delegado coincidiron en valorar este tipo de iniciativas, xa que contribúen a fixar poboación no rural e a aumentar a calidade de vida da poboación, a través, neste caso, de proxectos non produtivos, orientados a satisfacer as necesidades dos veciños e os seus equipamentos básicos.

22 de marzo de 2018 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.