publicidade hoxe

Medio Ambiente licita por 600.000 euros a redacción de catro actuacións recollidas no Plan de saneamento local da ría de Arousa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Illa de ArousaLocal PortadaPontevedra
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a través de Augas de Galicia, licitou esta mañá varios contratos para a redacción de catro actuacións recollidas no Plan de Saneamento Local da Ría de Arousa, por un importe de máis de 600.000 euros. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe os contratos para a redacción dos estudos de viabilidade, anteproxectos e proxectos construtivos para mellorar as redes de saneamento en Vilagarcía e Cambados e a mellora da rede de colectores na Illa de Arousa.

Cómpre lembrar que Augas de Galicia redactou o Plan de Saneamento Local da Ría de Arousa, para o que realizou un diagnóstico da rede de saneamento e depuración de todos os concellos do litoral desta ría, entre eles os concellos de Vilagarcía, Cambados e da Illa de Arousa. Neste diagnóstico identificáronse as distintas incidencias que afectaban, tanto ao funcionamento das redes como á capacidade de tratamento das augas residuais urbanas, e identificáronse posibles actuacións de mellora nas infraestruturas existentes ou de ampliación das mesmas para subsanar as incidencias máis importantes.

Así, Augas de Galicia licita hoxe a redacción dos proxectos construtivos que definan en obras concretas as actuacións que se consideran necesarias a realizar, para os concellos de Vilagarcía, Cambados e da Illa de Arousa.

No caso de Vilagarcía, licítase a redacción de dous proxectos, un dirixido á execución de melloras das redes de saneamento centradas principalmente nos colectores da Avenida da Mariña e Castor Sánchez, o colector da marxe esquerda do río Con e o colector de conexión da rede de Doutor Tourón co colector da ría. Ademais proxectarase un novo tanque de tormentas para a xestión da rede. O segundo proxecto centrarase na ampliación do pretratamento da EDAR de Vilagarcía adaptándoo á capacidade máxima do tratamento secundario e propiciando a optimización do tratamento dos caudais efluentes do saneamento de Vilagarcía. O importe de ambas actuacións é de 330.000 euros.

Na Illa de Arousa, licítase por un importe de case 140.000 euros a redacción dun proxecto para a mellora da rede de colectores. Comprende a optimización da rede de saneamento mediante a execución de pequenas actuacións de cambio e execución de novas conducións que melloren o volume xestionado na rede, a reparación e optimización de bombeos cun funcionamento inadecuado, actuacións de eliminación de caudais entrantes na rede por infiltración ou subida da marea. Ademais o proxecto analizará posibles opcións de mellora do tratamento actual das augas residuais.

Por último, en Cambados, licítase a redacción dun proxecto que defina actuacións para a redución da entrada de auga pluvial na rede de saneamento e minimizar o volume enviado a EDAR de Tragove. Proxectaranse diferentes tramos de conducións de pluviais, desconectando as actuais conexións deste tipo de redes ao sistema de saneamento de Cambados. Tamén se deseñarán actuacións para algúns tramos de colectores que presentan infiltracións importantes dende un punto de vista de impermeabilización aplicando técnicas non destrutivas. Ademais, incluirase unha solución para os problemas de depuración da EDAR do Facho e a optimización dos bombeos existentes na rede. O importe de licitación do contrato é de case 144.000 euros.

Estes contratos están financiados ao 80% con fondos do Programa Operativo Europeo FEDER 2014/2020

7 de marzo de 2018 | 19:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.