publicidade hoxe

Marnotes destaca en Vilagarcía que os obradoiros impulsan o emprego xuvenil e ofrecen formación á carta para a mocidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe en Vilagarcía no acto de clausura do obradoiro de emprego Labor@Xove2017 no que, co apoio da Xunta, 15 alumnos e alumnas, cunha idade media de 22 anos, recibiron formación á carta e accederon a un posto de traballo como socorristas e auxiliares de instalacións deportivas.

Trátase dunha actuación específica para menores de 30 anos, que a Consellería de Economía, Emprego e Industria financiou con máis de 140.000 euros, e que forma parte dos 24 obradoiros específicos para a mocidade que se están a desenvolver en Galicia cos que se está impulsando o emprego xuvenil.

Marnotes salientou que en total, en toda Galicia, están en marcha 83 programas (59 xerais e 24 específicos para a mocidade) aos que a Administración autonómica destina 20 millóns de euros para beneficiar a 1600 galegos e galegas sen emprego.

O director xeral apuntou que a mocidade é un colectivo prioritario para a Administración autonómica e, de feito, os menores de 30 anos contan cunha maior intensidade de axuda nas políticas activas de emprego que desenvolve a Administración autonómica co obxectivo de que os máis novos atopen un emprego acorde a súa cualificación. No último ano, o paro entre os mozos e mozas diminuíu nun 11,94%.

Marnotes destacou a importancia destes programas salientando que a formación é clave para favorecer o acceso a empregos de calidade. Os obradoiros céntranse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral. Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios reciben formación específica que lles permita iniciar os seus propios proxectos.

O responsable de Orientación e Promoción Laboral tamén suliñou a importancia da colaboración entre as administracións públicas, indicando que os concellos son as entidades que mellor coñecen as necesidades dos diferentes territorios para incidir no tecido empresarial e mellorar as posibilidades de inserción laboral dos veciños. De feito, neste obradoiro impártese unha formación acorde ao tecido empresarial do territorio.

Os obradoiros de emprego, a través dos que os participantes reciben un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado, presentan nesta convocatoria varias novidades, entre as que destacan a ampliación da duración dos programas xerais de 6 a 9 meses. Dáse, ademais, prioridade ás localidades menos poboadas de Galicia para responder así a unha das medidas principais do Plan de formación e emprendemento no rural da Xunta.

Marnotes, por último, referiuse aos programas integrados de emprego aos que este ano se dedican 9,5 millóns de euros para beneficiar a 4000 persoas sen emprego a través de 46 proxectos que mellorarán a inserción laboral dos participantes. Como novidade, 2 millóns de euros están adicados a Emprega en Feminino, co obxectivo de impulsar a inserción das mulleres no mercado de traballo.

28 de marzo de 2018 | 17:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.