publicidade hoxe

Licítase a construción e explotación dunha área de servizo na autoestrada AG-53 por un investimento de 5,3 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMasideOurense
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a licitación dun contrato que incluirá a construción dun área de servizo na autoestrada AG-53, en Maside, cun investimento duns 5,3 millóns de euros, así como a súa explotación durante un período máximo de 30 anos.

As empresas interesadas na execución destes traballos poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 4 de xuño. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información: https://goo.gl/PUKsSa

Trátase da construción, explotación e conservación dunha área de servizo á altura do punto quilométrico 80+465, no termo municipal de Maside, con acceso directo en sentido Santiago de Compostela, na marxe esquerda, e conexión mediante un paso a distinto nivel en sentido Ourense.

Este proxecto contempla unha superficie de 95.516 m2, incluíndo gasolineira, tenda, cafetería, restaurante, zonas de aparcamento para vehículos lixeiros e pesados, recarga de vehículos eléctricos e un área de descanso con zona de xogos infantís e área específica para caravanas.

Levarase a cabo a construción dun único edificio para atender o pagamento do carburante subministrado e a venda de produtos varios, con aseos diferenciados de uso público, sala de lactación e adaptado a persoas de mobilidade reducida, oficina, almacén, vestiario para o persoal da estación, zona con duchas para usuarios e teléfono público.

A estación de servizo disporá dun mínimo de 6 surtidores de combustible e 4 puntos de recarga para vehículos eléctricos, así como toma de auga e inflado de pneumáticos de uso libre e gratuíto.

6 de marzo de 2018 | 17:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.