Licitadas as obras de rehabilitación da ponte metálica que comunica Castrelo de Miño e Ribadavia
A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación das obras de rehabilitación da ponte metálica sobre o río Miño que comunica os concellos de Castrelo de Miño e Ribadavia e que se empraza nun treito da estrada OU-403 que está fora de servizo desde a construción da variante que da servizo ao tráfico rodado.
Este proxecto contará cun orzamento de máis de 720.000 euros e ten un prazo de execución de seis meses. O obxecto desta actuación é a reparación funcional da ponte, que data de principios do século XX, mantendo a súa configuración inicial e asegurando as condicións de durabilidade, que permitan prolongar a súa vida. Así, actuarase tanto sobre a estrutura metálica, que constitúe o vano central, como sobre as bóvedas de pedra que constitúen os vanos de aproximación, así como nos treitos da estrada de acceso á ponte.
Os traballos consistirán no fresado e repavimentación do firme, ao tempo que se mellorará a drenaxe; na limpeza con chorro de auga a presión e protección anticorrosiva dos elementos metálicos da ponte; a reparación dos petrís de fábrica, mediante a recolocación das pezas que se encontran movidas ou desprazadas respecto do seu emprazamento orixinal; e, por último, repoñerase a baranda nos paseos laterais da estrutura para permitir o paso peonil con seguridade.
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda co conxunto das actuacións previstas na ponte pretende protexer e incrementar a seguridade e a mobilidade na zona.