González Formoso recoñece a traxectoria de Rosa Gómez Limia na defensa do feminismo e a igualdade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, recoñeceu hoxe a “excepcional traxectoria vital” de Rosa Gómez Limia na súa defensa do feminismo e a igualdade.

“Grazas por toda unha vida de loita e compromiso cos valores da igualdade e a liberdade, polo teu incansable traballo no mundo político e do asociacionismo veciñal, por axudarnos a facer unha sociedade mellor, máis igualitaria e máis xusta desde as distintas áreas e lugares onde traballaches”, afirmou o presidente da Deputación no remate do seu discurso desta noite, durante a emotiva homenaxe sorpresa que a Asociación Teenses pola Igualdade organizou para recoñecer a dilatada traxectoria da súa presidenta, Rosa Gómez Limia.

González Formoso afirmou que “hai 15 anos Rosa plantou aquí en Teo unha pequena semente”, fundando Teenses pola Igualdade, unha entidade de ámbito autonómico da que forman parte homes e mulleres e que hoxe conta con máis de 400 socios. “Aquela semente é hoxe unha gran árbore que realiza un papel activo e fundamental non só na defensa da igualdade entre homes e mulleres, senón na dinamización da vida social e cultural de toda a comarca”, sostivo.

A pegada de Rosa en Mugardos e no Parlamento de Galicia

O presidente provincial lembrou tamén que “esta non foi a única semente que plantou Rosa, pois os veciños de Mugardos aínda lembran o importante papel que desenvolveu como concelleira de Educación e Cultura, poñendo en pé a primeira biblioteca pública do municipio, creando a escola municipal de Teatro, a escola de Pintura e un sen fin de iniciativas, moitas das cales persisten hoxe”.

A pegada de Rosa Gómez Limia tamén permanece Parlamento de Galicia, segundo recoñeceu González Formoso, que lembrou que foi “a primeira deputada autonómica do PSdG-PSOE” e que “traballou para conseguir unha maior presenza feminina na vida orgánica e institucional do partido, impulsando entre outras medidas a creación de concellerías da Muller nos municipios galegos”.

15 anos de Teenses pola Igualdade

Valentín González Formoso felicitou tamén a Asociación Teenses pola Igualdade no seu 15 aniversario, “tres lustros de historia caracterizados por un ideal que vai claramente explícito no nome da entidade e que demostra que o noso compromiso vén de lonxe, que houbo que percorrer un longo camiño – ás veces cheo de atrancos- para conseguir algúns avances sociais que hoxe son dereitos e que xa non teñen volta atrás”.

“Queda moito por facer, pero estes avances non foron froito de un día, senón do esforzo e tesón de moitas persoas, homes e mulleres, que creron que a igualdade é un piar fundamental de calquera sociedade moderna”, afirmou.

Rosa Gómez Limia

Rosa Gómez Limia (Ourense, 1943) é perito mercantil e Licenciada en Xornalismo pola USC. É nai dunha filla e un fillo.

En 1974 participa na creación da Asociación de Veciños Montefaro de Mugardos. Nos anos 80 foi concelleira de Educación e Cultura en Mugardos, onde creou a Biblioteca Municipal, a Escola de Teatro, a Escola de Pintura Ramón Piñeiro, a Escola de Baile galego e a Escola de gaitas do concello.

En 1985 preside a Federación Galega de Mulleres Progresistas.

Foi a primeira deputada do PSdG-PSOE no Parlamento de Galicia e formou parte da executiva do partido entre 1982 e 1988.

En 2000 trasládase a vivir a Teo, onde comeza a súa actividade no ámbito do asociacionismo. En 2004 crea a Asociación Teenses Pola Igualdade.

12 de marzo de 2018 | 17:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.