publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Ethel Vázquez: “os veciños de Oleiros poderán beneficiarse este verán da senda peonil e ciclista entre Montrove, As Pedreiras e O Carballo”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOleiros
A-
A+
Ethel Vázquez na visita a Oleiros. Foto: M. Fuentes

Ethel Vázquez na visita a Oleiros. Foto: M. Fuentes

A conselleria de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, supervisou hoxe os avances nas obras da senda peonil e ciclista de Oleiros, que mellorarán a seguridade e a mobilidade dos veciños do municipio coruñés. Unha senda en dous treitos que comunicará Montrove coas Pedreiras e O Carballo e que permitirá aos veciños realizar os seus percorridos habituais dun xeito cómodo e seguro.

A conselleira, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, puido comprobar in situ os avances dunhas actuacións nas que a Xunta está a investir preto de 800.000 euros. Unha intervención do Goberno galego que, segundo dixo Ethel Vázquez, incidirán positivamente no reforzo da seguridade viaria e na mellora da accesibilidade, facilitando os desprazamentos entre os núcleos de poboación e as zonas onde se atopan os principais equipamentos.

As obras que se están a realizar na AC-174 corresponde ao treito Montrove-As Pedreiras e na AC-190, vai dende O Carballo-As Pedreiras. En concreto, a senda peonil e ciclista que discorrerá pola marxe esquerda da estrada AC-174 irá desde a intersección da urbanización de Montrove ata a glorieta coa estrada AC-190 nas Pedreiras, aproveitando as beirarrúas xa existentes nalgún dos treitos da estrada. Deste xeito se completará o primeiro treito do itinerario peonil dun quilómetro que, tal e como subliñou Vázquez Mourelle, permitirá comunicar as urbanizacións da zona e dará servizo á residencia de anciáns e ao centro ocupacional.

Esta senda terá continuidade co outro itinerario duns 500 metros de lonxitude, que se está a construír na estrada AC-190, desde As Pedreiras ata O Carballo, e que tal e como continuou explicando Ethel Vázquez, facilitará os desprazamentos a pé desde as urbanizacións ata un centro de ensino, mellorando as comunicacións desde O Carballo ata o núcleo de Oleiros.

A conselleira explicou ademais que esta obra ten un prazo de execución de 4 meses e a previsión é que os veciños de Oleiros teñan en verán a súa disposición este itinerario peonil e ciclista, que permitirá realizar os percorridos habituais entre os núcleos de poboación e as zonas de equipamento a pé ou en bici, dun xeito cómodo e seguro.

Esta actuación, que fomenta a mobilidade sostible e reforza a seguridade viaria, enmárcase no Plan de Sendas da Comarca da Coruña que está a desenvolver a Xunta e que prevé a construción de 9 itinerarios, que suman 7 quilómetros, nos que o Goberno galego investirá máis de 5,5 millóns de euros.

Ethel Vázquez fixo tamén referencia a outras intervención do seu departamento en Oleiros, como a senda na estrada AC-182, entre Mandín e As Torres e que supón unha inversión de cerca de 200.000 euros, así como a súa aportación de 600.000 para a financiación da construción dunha nova glorieta en Santa Cruz. En total, as inversións da Xunta en melloras da seguridade vial en Oleiros ascenden a máis de 1,5 millons de euros.

As actuacións previstas dentro do Plan de sendas son cofinanciadas con fondos europeos do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

19 de marzo de 2018 | 17:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.