Augas de Galicia licita a ampliación da Edar de Rianxo co obxectivo de duplicar a súa capacidade actual
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a licitación do proxecto e da obra de ampliación da estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Rianxo, o que permitirá duplicar a capacidade actual desta infraestrutura ata dar servizo a máis de 23.000 habitantes equivalentes.
Cómpre lembrar que a semana pasada o Consello da Xunta autorizou o gasto nesta actuación por un importe global de 7.506.342,69 euros, financiados nun 80% pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.
O obxectivo das obras é adecuar a capacidade de tratamento da actual EDAR ás necesidades reais do municipio e solucionar a problemática derivada tanto do excesivo volume de augas residuais xeradas na rede como da súa carga contaminante, provocada sobre todo polos vertidos das industrias conserveiras. Unha vez se fagan as obras e a ampliación estea operativa, a depuradora dará servizo a 23.163 habitantes equivalentes fronte aos 9.000 para os que está deseñada a actual.
Para conseguir esta dobre mellora, tanto de capacidade de tratamento como de eficiencia, no proxecto prevese a execución dunha tubaxe de impulsión, a ampliación da propia EDAR e, finalmente, a construción de conducións para o desaugue. Concretamente, realizaranse dúas liñas de tratamento das augas independentes (cada unha das cales recibirá a metade do caudal que pode tratar a instalación), e tamén contará cunha liña de pretratamento común. Así mesmo, a execución das obras das dúas liñas de tratamento farase en fases distintas, o que permitirá asegurar que a EDAR actual funciona en todo momento.
Esta actuación pretende dar solución aos problemas que presenta na actualidade a depuradora, debido ás infiltracións detectadas, aos fallos no funcionamento dos bombeos e aos vertidos industriais na rede e ao medio hídrico. Por esta razón, estableceuse a necesidade de ampliar a capacidade do sistema de depuración como unha das prioridades no concello de Rianxo.
O contrato publicado hoxe no DOG para a ampliación da depuradora súmase á licitación a semana pasada do colector interceptor e do tanque de tormentas de Rianxo, obra cun custo de 6,5 millóns de euros. O obxectivo común de ambas actuacións é garantir un servizo adecuado e eficiente ao núcleo de Rianxo, recuperar zonas degradadas pola contaminación da costa e aumentar a competitividade económica e o fomento do turismo no concello.
Plan se saneamento local da ría de Arousa
Co fin de mellorar a calidade das augas da zona de Rianxo e da ría na que se integra, Augas de Galicia redactou no seu día o Plan de saneamento da ría de Arousa.
A raíz deste traballo de diagnóstico, en setembro do ano 2017 asinouse un convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Rianxo para a execución das actuacións de mellora dos sistemas de saneamento e depuración na ría de Arousa. No marco deste convenio executaranse as obras de ampliación da actual EDAR así como as do colector interceptor e o tanque de tormentas de Rianxo, cun orzamento global de algo máis de 14 millóns de euros.
Así mesmo, no marco tamén do Plan de saneamento da ría de Arousa, esta semana licitáronse catro contratos por un importe global de máis de 600.000 euros para a redacción de estudos, anteproxectos e proxectos para actuacións de mellora das redes de saneamento dos concellos de Vilagarcía, Cambados e Illa de Arousa.