publicidade hoxe

Ángeles Vázquez anima aos xóvenes a aproveitar as oportunidades que ofrece o rural para vivir e traballar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMelide
A-
A+
Ángeles Vázquez na charla no IES de Melide

Ángeles Vázquez na charla no IES de Melide

Galicia non se entende sen o rural porque, entre outras razóns, o 97,8% dos concellos da nosa comunidade defínense como rurais. Así o destacou a conselleira Ángeles Vázquez na charla que pronunciou esta mañá diante duns 85 alumnos de ESO do Instituto de Ensino Secundario (IES) de Melide. A titular de Medio Rural animou a estes mozos a aproveitar as oportunidades que lles ofrece o agro galego para vivir e traballar, sempre dende a base da formación. “Unha formación clave para a especialización e a profesionalización do noso agro”, sinalou a conselleira.

Ángeles Vázquez fixo unha descrición da realidade do medio rural galego e as súas perspectivas de futuro. Así, comezou explicando a importancia de instrumentos coma o Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) 2014-2020 de Galicia, que está dotado cun orzamento de máis de 1.186 millóns de euros e no que participan a Unión Europea, a Administración do Estado e a propia Xunta. A conselleira debullou os principais obxectivos do PDR, que se centran en fomentar a competitividade da agricultura tanto a través da modernización das explotacións como incorporando agricultores mozos á actividade, promover a xestión sustentable dos recursos naturais e mellorar a calidade de vida da poboación rural.

Ángeles Vázquez salientou ademais o potencial dos nosos sectores gandeiro, agrícola e forestal. Así, en relación con este último, lembrou que Galicia conta con algo máis de dous millóns de hectáreas de superficie forestal, sendo a novena potencia europea neste eido e a primeira comunidade española en canto a cortas de madeira.

Líderes no lácteo español

Con respecto á gandaría, dixo que podemos presumir de achegar preto do 40% da produción láctea nacional, que a facturación dos nosos gandeiros superou en 2017 os 814 millóns de euros e que este sector xera arredor de 1.400 empregos directos na nosa comunidade. Incidiu, así mesmo, na relevancia doutros ámbitos, coma os da carne de vacún, o avícola, cunícola ou porcino e falou da calidade das nosas producións agrolimentarias, lembrando que contamos con ata 30 denominacións de orixe ou indicacións xeográficas protexidas.

Finalmente, tras repasar producións como as castañas, os kiwis, a planta ornamental e outros cultivos, caso dos arandos, amorodos, aguacates e mesmo insectos, a conselleira repasou as achegas para incorporación de mozos ao rural, destacando que só nas convocatorias de 2016 e 2017 aprobáronse un total de 1.083 expedientes de axuda para apoiar a necesaria remuda xeracional no agro galego.

O plan Leader, as axudas para actividades non agrícolas, a innovación, a formación, as reestruturacións parcelarias ou o arranxo de camiños centraron a parte final da súa charla, que pechou reafirmando o compromiso do Goberno galego “para consolidar o noso rural como referente de calidade e bo facer”, un labor no que pediu a implicación da xuventude, da que –dixo– representa o seu futuro.

14 de marzo de 2018 | 12:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.