Adxudicada a Construcciones EC Casas a obra da glorieta e mellora do acceso a Príncipe Felipe
A Deputación de Pontevedra aprobará este venres en Xunta de Goberno a adxudicación da obra da glorieta e mellora de acceso ao centro Príncipe Felipe a Construcciones EC Casas SL por un total de 417.435,81 euros, o que supón unha redución de máis do 24% con respecto ao orzamento inicial de licitación. Segundo indica o vicepresidente César Mosquera, as obras teñen un prazo de execución de seis meses logo da sinatura do contrato, polo que deberán estar finalizadas no outono se non se producen complicacións burocráticas ou pola climatoloxía.
As actuacións propostas para o acceso do Centro Príncipe Felipe teñen por finalidade potenciar e dinamizar unha contorna que actualmente presenta unha serie de carencias e inconvenientes para as persoas usuarias do centro. Perséguese unha urbanización da contorna onde se delimita claramente a circulación do tráfico rodado e peonil, se dispoñen zonas de estancia, se acondiciona a contorna mediante mobiliario urbano e zonas axardinadas e renóvanse as instalacións que presenten un mal estado de conservación ou quedan obsoletas.
Na actualidade, o centro conta cun acceso principal sen ningún tipo de protección en materia de mobilidade e seguridade viaria ante o colectivo máis vulnerable, sen existir pasos de peóns que protexan a peóns á entrada e saída do centro, tendo en conta sobre todo que gran parte destes peóns son nenos e nenas, persoas maiores ou con mobilidade reducida, que atopan xusto á saída unha estrada frecuentada por vehículos sen existencia de beirarrúas en bo estado, sen largos de beirarrúa que permitan o tránsito de persoas con mobilidade reducida, con barreiras arquitectónicas, sen boa iluminación, e sen sistemas de redución de velocidade para vehículos que lles impidan pasar pola zona de acceso ao centro a grande velocidade.
Doutra banda, crearanse áreas seguras reservadas para o peón sen existencia de barreiras arquitectónicas para as persoas con mobilidade reducida, dándolle ao peón un espazo reservado unicamente para el, libre do tránsito de vehículos. Estas áreas estarán compostas por pavimento de laxas de pedra de granito cun un bordo de pedra de granito que delimitará a zona de tráfico coa zona reservada ao peón.
Caseta de aceiro corten e vidro e rótulo de grandes dimensións
Por último, acondicionarase o peche perimetral con cipreses de ata tres metros de altura a raíz espida. Construirase unha nova caseta de control para a vixilancia e seguridade do centro, composta por aceiro corten e acristalamento de vidro, coa súa correspondente cimentación, instalacións necesarias e sistemas de vixilancia, con acometidas de abastecemento, pluviais, fecais, electricidade, telecomunicacións. Instalarase un portal metálico motorizado de aceiro corten, con porta incluída de acceso peonil, para controlar a entrada e saída tanto de persoas como de vehículos.
Realizarase un aparcadoiro privado para as persoas usuarias do centro e un muro de contención de terras perimetral ao aparcadoiro, e iluminarase a zona con cinco proxectores de luz led. Este mesmo tipo de iluminación utilizarase tamén para o rótulo ‘Centro Príncipe Felipe’ a colocar na glorieta, con chapa de aceiro corten e letras de dimensións 150 cm de alto, 50 cm de largo e longo variable. Construirase un novo acceso á zona de cociñas, mediante a apertura dun camiño pola zona axardinada.











