publicidade hoxe

A Xunta licita as obras de mellora da estrada PO-230, en Cerdedo-Cotobade, entre Serrapio e Vichocuntín, cun investimento de máis de 609.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCerdedoCotobadeLocal Portada
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación das obras de construción do alargamento e mellora da estrada PO-230, no concello de Cerdedo-Cotobade, por un investimento de máis de 609.000 euros.

As empresas interesadas nesta actuación, cun prazo de execución de 8 meses, poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 3 de abril. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a este anuncio.

Esta actuación ten por finalidade mellorar a seguridade viaria do treito comprendido entre os núcleos de Serrapio ata Vichocuntín e suporá un investimento da Administración económica de máis de 600.000 euros.

Será precisa a expropiación de 26 fincas para acometer as obras, que se desenvolverán entre os puntos quilométricos 12+650 e 14+430 da estrada autonómica que conecta Campolameiro e Vichocuntín.

Este proxecto, consistente no ensanche e mellora da estrada, afecta a un treito de 1,8 quilómetros, desde o núcleo de Serrapio ata o punto final da estrada, na intersección coa Nacional 541, en Vichocuntín.

As obras previstas comprenden a ampliación da calzada ata acadar un ancho de 7 metros (actualmente ten entre 5 e 5,5 metros) e a rectificación de varias curvas para mellorar o trazado da estrada. Actuarase ademais na drenaxe da plataforma, prevendo tamén o tendido e revestimento das gavias de seguridade.

Así mesmo, está previsto construír muros de contención nos puntos necesarios e renovar a sinalización horizontal, vertical e de balizamento.

Con estes traballos mellorarase a seguridade viaria e a comodidade na circulación dos usuarios desta vía.

8 de marzo de 2018 | 17:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.