A Xunta investirá 115.000 euros en novas obras de mellora da eficiencia enerxética no xulgado de Chantada
A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, vén de licitar novas obras de mellora da eficiencia enerxética no xulgado de Chantada. Así o explicou esta mañá o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, tras a publicación da correspondente resolución hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG)
A iniciativa, para a que se reservan preto de 115.000 euros, permitirá completar a remodelación destas instalacións tanto no exterior, co cambio da carpintería na fachada, como no interior, coa substitución de luminarias por outras de tecnoloxía tipo LED.
A incorporación de novas fiestras e de equipos de iluminación máis modernos e eficientes mellorarán as prestacións de illamento térmico, e reducirán o consumo enerxético do edificio –cun aforro estimado do 20%- o que ademais supón unha mellora ambiental.
A Xunta procederá a retirada das fiestras actuais de aluminio, sen ponte térmica e cristal sinxelo, e á súa substitución e instalación doutras de PVC de cor branca e crista dobre con vidro de baixa emisividade.
Cómpre lembrar que a administración autonómica investiu recentemente 25.000 euros nunha actuación complementaria que consistiu, principalmente, na instalación dun circuíto de climatización e calefacción, así como os demais complementos e accesorios que garantan o correcto funcionamento deste servizo (tubaxes, chaves, válvulas, conexión cos radiadores)
Balseiro sinalou que o bo estado dos edificios xudiciais son unha das primeiras responsabilidades do Goberno galego no seu apoio aos profesionais da administración de Xustiza. Para iso é imprescindible contar cunha rede de infraestruturas axeitada e en perfecto estado, garantindo a accesibilidade e confort para os usuarios e para o persoal que traballa nos mesmos.