publicidade hoxe

A Xunta incrementa nun 80% o convenio para a atención de menores no Fogar Infantil Emilio Romay da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaLocal Portada
A-
A+
José Manuel Rey Varela na sinatura do convenio. Foto: M. Fuentes

José Manuel Rey Varela na sinatura do convenio. Foto: M. Fuentes

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asinou hoxe coa Deputación Provincial da Coruña o novo convenio de colaboración para a atención no Fogar Infantil Emilio Romay de nenos e nenas ata os 12 anos en situación de risco ou desamparo que están baixo a tutela ou en garda da Administración autonómica. Este novo acordo incrementa nun 80% a súa contía en comparación co anterior ata chegar aos 275.940 euros, ademais de ampliar ata as 27 o número de prazas de acollemento residencial concertadas neste centro.

Na súa intervención, o conselleiro enmarcou este acordo no compromiso de preservar os dereitos dos nenos, nenas e adolescentes, en especial daqueles que se encontren nunha situación de desamparo. Na actualidade, máis de 2.400 menores están baixo o sistema galego de protección dos cales máis da metade están con familias de acollida que é a figura de protección prioritaria para a Xunta. Ademais, lembrou que a Consellería está a desenvolver un programa de melloras nos centros que forman parte da rede de protección de menores cun investimento total de 3,6 millóns de euros e na procura de que “os nenos, nenas e adolescentes que están nestes centros teñan as mellores instalacións”, dixo.

Nesta liña, Rey Varela indicou que o obxectivo é que a vida dos nenos, nenas e adolescentes que están baixo a tutela ou garda da Xunta “sexa a máis semellante á que poden levar en calquera fogar”. Ao respecto, puxo en valor o labor diario dos profesionais que traballan nos centros, xa que “realizan a función máis parecida posible a unha familia posto que neles se desenvolven atencións que lles correspondería prestar aos pais e nais”.

A Xunta dispón de 73 centros de protección de menores sustentados con recursos públicos –catro de titularidade autonómica e o resto xestionados por entidades de iniciativa social-. O centro de referencia na cidade da Coruña é o San José de Calasanz, no que se executaron traballos de mellora e acondicionamento por valor de 800.000 euros que afectaron a practicamente todo o equipamento e no que está prevista un novo investimento de 200.000 euros que permitirá acometer a renovación do tellado.

A Consellería de Política Social, ademais de continuar co programa de melloras nos recursos da súa titularidade, sacará este ano unha nova orde de axudas para centros de protección de menores que están xestionados por entidade de iniciativa social na que manterá o crédito de 625.000 euros co que xa dotou a primeira convocatoria que se fixo o exercicio pasado.

19 de marzo de 2018 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.