A Xunta impulsa a creación de redes emprendemento xuvenil para dinamizar a economía da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cecilia Vázquez Suárez, destacou hoxe en Vigo no V Encontro Internacional de Xóvenes Emprendedores organizado por universidades galegas e portuguesas, o papel activo da mocidade nos novos proxectos empresariais na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. A responsable autonómica sostivo que esta xuntanza “é un exemplo de unión de esforzos e medios entre entidades transfronteirizas para apoiar este impulso da xuventude e ofrecerlles ferramentas para o desenvolvemento das súas capacidades e a ampliación das súas oportunidades”.
O V Encontro Internacional de Xóvenes Emprendedores é unha actividade orientada a mozos e mozas universitarios e emprendedores de Galicia e do Norte de Portugal co obxectivo de implicalos no esforzo conxunto de impulsar a Eurorrexión como un territorio con posibilidades de crecemento futuro e fomentar o espírito emprendedor, ao tempo que se converte nun espazo de intercambio de experiencias entre os participantes.
Con este fin, durante hoxe e mañá desenvolveranse na Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias de Vigo charlas e mesas redondas sobre aspectos relevantes da innovación e o emprendemento da Eurorrexión. Ademais, os participantes exporán os seus proxectos empresariais nun contexto de colaboración internacional, premiándose as mellores ideas.
Cecilia Vázquez recalcou que desde o departamento de Xuventude se están a impulsar distintos programas para promover novos proxectos a través da participación xuvenil para a creación de emprego. “A capacidade para a innovación, para crear algo novo que poida ser competitivo nun mercado globalizado como o actual é unha condición básica para a dinamización da nosa economía”, sinalou.
Entre estes programas, a directora xeral citou a iniciativa denominada ‘Lidera. Catalizador de oportunidades de emprego e emprendemento xove transfronteirizo’, unha proposta pioneira de espazos coworking (Espazos Emprende) de innovación e emprendimiento xuvenil con asesoramento profesional e personalizado. Esta rede inclúe os 12 centros de Galicia e tamén os centros asociativos da FNAJ dos territorios transfronteirizos de Minho-Lima, Cávado, Ave, Grande Porto, Tâmega e Alto Trás os Montes.
O ‘Lidera’, aprobado ao abeiro do programa Interreg V A España Portugal 2014-2020 (Poctep), ten entre os seus obxectivos provocar un traballo e coñecemento en rede, no que se involucren os diferentes actores do territorio .
Colaboración coas Universidades
Por último, a directora xeral fixo, ademais, especial fincapié na importancia do desenvolvemento do V Encontro internacional de Xóvenes Emprendedores no marco dos actos conmemorativos dos 50 anos dos estudos de Economía en Galicia.
Neste evento participan as facultades de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo, de Dereito e de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago, a Escola de Relacións Laborais de A Coruña (ERLAC), a Escola Superior de Ciencias Empresariais do Instituto Politécnico de Viana do Castelo, o Centro Rexional de Braga da Universidade Católica Portuguesa e o Instituto Politécnico de Bragança.











