A Xunta estende a campaña ‘Cultivando a autoestima’ ao alumnado da Universidade da Coruña
A responsable do departamento autonómico de Xuventude, Cecilia Vázquez, participou hoxe na difusión desta iniciativa entre o alumnado da Universidade da Coruña mediante un acto que tivo lugar no Centro Universitario de Riazor. Ademais de ter presenza nas universidades, a campaña ‘Cultivando a autoestima’ tamén se está a espallar entre os centros secundaria, bacharelato e formación profesional de toda a xeografía galega.
Na súa intervención, Cecilia Vázquez defendeu a importancia desta acción para que “a xuventude tome conciencia e celebre que a verdadeira beleza radica nas diferenzas e na diversidade de cada un, que é o que nos fai únicos e especiais”. Neste sentido, explicou que o que se procura con esta campaña é que “a xente nova gañe en autoestima, o que lles permitirá medrar máis felices, sen complexos e con maior liberdade e autonomía para xerar os seus propios estilos fronte a patróns máis vinculados ás modas, ao marketing e ao consumo polo consumo e non para satisfacer necesidades reais”.
‘Cultivando a autoestima’ está vencellada ao programa ‘Gústate’ e se desenvolve a través dos centros Quérote da Xunta de Galicia mediante accións na rúa con, mesas informativas e presenza nas redes sociais nas que se convida aos mozos e mozas a publicar fotos e mensaxes co material divulgativo da campaña co cancelo #relacionenpositivo.
A iniciativa pretende realizar unha analoxía entre a diversidade das plantas e das persoas porque non existen dúas plantas ou dúas persoas iguais e mentres que as modas pasan, as plantas e as persoas perduran. Así pois, faise uso da metáfora do que é o mundo das plantas e os seus coidados para que poidan medrar de forma saudable co mundo das persoas e a visión que teñen de si mesmas, para que poidan construírse de forma libre e ter unha estima persoal satisfactoria.
O Goberno galego quere impulsar os centros Quérote+ como espazos de referencia de información, formación e asesoramento en materia de autoestima e imaxe corporal de xeito que se reforce a intervención dos técnicos deste servizo ao longo do ano, tanto a nivel individual como grupal e comunitario. De maneira individual, por medio da consulta das persoas usuarias, ben sexa de xeito presencial, por vía telefónica, en liña ou a través de mensaxería instantánea. E de maneira grupal, mediante accións formativas coa mocidade, familias e profesionais.
Durante o exercicio 2017 os centros Quérote+ deron resposta a 144 consultas sobre esta temática e impartiron 28 obradoiros neste ámbito -26 en centros educativos e en 2 concellos- sumando un total de 631 participantes.











