publicidade hoxe

A Xunta colabora na redución da factura enerxética de Cenlle cunha axuda do Fondo de Compensación Ambiental

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCenlleLocal PortadaOurense
A-
A+
Marisol Díaz na visita a Cenlle

Marisol Díaz na visita a Cenlle

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, coincidindo co Día Mundial da Eficiencia Enerxética, subliñou o compromiso do Executivo galego prestando o seu apoio ás iniciativas que sobre aforro e eficiencia enerxética ou enerxías renovables se están a desenvolver na actualidade na Comunidade autónoma. Fíxoo na visita realizada esta mañá ao concello de Cenlle para coñecer in situ as actuacións levadas a cabo, ao abeiro das subvencións do Fondo de Compensación Ambiental da Vicepresidencia, que permitiron reducir a factura enerxética do municipio.

Díaz Mouteira, que estivo acompañada polo alcalde, Gabriel Alén, destacou que Cenlle apostou pola eficiencia enerxética e a subvención deste ano, por importe de 29.000 euros, destinouse á renovación e mellora do alumeado público. En concreto, substituíronse un total de 47 luminarias nos lugares de Piñeiro, Roucós e A Quintá, cambiáronse os cadros de enganche e dotouse a toda a instalación dun reloxo astronómico.

“Estas reformas están encamiñadas a conseguir un aforro enerxético e ambiental mediante a utilización de lámpadas de maior eficacia luminosa e vida útil de tecnoloxía Led”, indicou Marisol Díaz. Ademais engadiu que, segundo os datos do concello, esta renovación de luminarias permitirá un aforro do 75% na factura enerxética nos lugares nos que se executaron os traballos.

O Fondo de Compensación Ambiental procede do canon eólico e beneficia dende hai xa oito anos aos concellos galegos e aos seus cidadáns, xa que subvenciona investimentos relacionados coa mellora do entorno e a conservación natural . Ademais, o Fondo contribúe ao reequilibrio territorial, xa que a meirande parte dos beneficiarios son concellos do interior e pequenos, como é o caso de Cenlle. A delegada territorial lembrou que na anterior convocatoria os concellos da provincia de Ourense recibiron preto de 1,5 millóns de euros.

Marisol Díaz aproveitou a coincidencia da súa visita a Cenlle coa efeméride do Día Mundial da Eficiencia enerxética para poñer en valor as actuacións levadas a cabo pola Xunta de Galicia ao abeiro da Estratexia de aforro e eficiencia enerxética no sector público para o período 2015-2020 , que abranguen distintos sectores administrativos desde o educativo ata o xudicial. Por outra banda destacou o labor do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), da Consellería de Economía, Emprego e Industria, na óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores económicos de Galicia.

5 de marzo de 2018 | 16:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.