publicidade hoxe

A Rede Galega de Teatros e auditorios achega a Narón a estrea de “A carreta pantasma” e a Ses en concerto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocal PortadaNarón
A-
A+

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres, ás 20,30 h., a estrea de A carreta pantasma pola compañía Berrobambán dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios. O Padroado de Cultura naronés é unha das entidades locais asociadas a este circuíto de espectáculos da Xunta de Galicia, dentro do que este primeiro semestre do ano programa 19 citas escénicas e musicais no Pazo da Cultura e no Auditorio Municipal.

A Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) encárgase da xestión desta rede, que se estende por 37 municipios de Galicia. No caso da programación desta primeira metade do ano en Narón, a Agadic e mailo concello realizan un investimento conxunto de 64.600 euros.

Paula Carballeira protagoniza A carreta pantasma, un espectáculo de narración oral que forma parte, así mesmo, da carteleira do Festival Singular. A montaxe ofrece un exercicio de sinxeleza no que se procura a emoción a través do poder da palabra cun mínimo de artificios escénicos. Baseada no filme sueco do mesmo título, aborda a morte, o medo e a memoria a través de tres historias orais.

Outra das datas sinaladas na programación da Rede é o regreso de Ses a Narón, neste caso para presentar o sábado 12 de maio o seu último traballo discográfico, Readmirando a condición. Neste seu quinto disco, a bergantiñá ofrece unha canción de estrea e unha nova gravación, con arranxos e sonoridade máis potente, das once cancións do seu debut, que incluía éxitos como Tempestades de sal e Non son fada. A popular cantautora galega combina na súa música as letras de denuncia das desigualdades coas influencias do rock, o blues e os sons latinoamericanos.

Programación do semestre

A programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios en Narón, que xa ofreceu oito espectáculo desde o mes de xaneiro, inclúe varias estreas teatrais recentes como A leituga (4 e 5 de maio), de Eme2, unha comedia tráxica sobre a familia e os asuntos non resoltos, protagonizada polos televisivos Antonio Durán “Morris”, Mercedes Castro, Federico Pérez, María Vázquez e Xosé Barato; e O servidor de dous amos (20 e 21 de abril), revisión que Talía Teatro fai do clásico da commedia dell’arte escrito por Carlo Goldoni. Ademais do teatro, o público naronés poderá desfrutar tamén da música de De Vacas (24 de marzo) e Treixadura (16 de xuño) ou de Outono (20 de maio), o espectáculo circense co que a compañía Pistacatro celebra o seu décimo aniversario. Tamén visitarán o Pazo da Cultura Teatro do Morcego con House desaforado (14 de abril) e Elefante Elegante con Patapapúm (15 de abril).

Circuíto profesional

A Rede Galega de Teatros e Auditorios é un circuíto de programación escénica que leva funcionando de xeito continuado desde 1996. Trátase do principal mercado interior para as propostas escénicas galegas producidas de xeito profesional e conta cun orzamento para este primeiro semestre de 863.714 euros (448.850 por parte da Agadic e 414.836, das entidades locais titulares dos teatros e auditorios).

Esta primeira carteleira de 2018 achegaralles aos espectadores de 37 concellos de toda Galicia 346 actuacións de teatro, danza, música, maxia e circo de 106 formacións artísticas, un 90% delas galegas.

12 de marzo de 2018 | 17:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.