publicidade hoxe

A Rede Galega de Música ao Vivo achégalle ao público coruñes 14 concertos neste semestre

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

A Coruña é unha das 14 localidades que contan con salas asociadas á Rede Galega de Música ao Vivo, no marco da que o público da cidade pode gozar de 14 concertos durante o primeiro semestre de 2018. Entre eles, os que Miguel Lamas Quartet e Tiruleque ofrecerán mañá mércores (22,00 h.) e o venres 9 (22,30 h.), respectivamente, na Sala Garufa Club.

O local da rúa Riazor acolle cinco directos dentro do primeiro período da programación anual deste circuíto, do que tamén forman parte Bâbâ Bar, con outras cinco actuacións, e Jazz Filloa Club, con catro. Xunto con elas, outros 20 locais das catro provincias foron seleccionados para a nova etapa da Rede Galega Música ao Vivo, creada e xestionada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) co fin de contribuír á estabilidade na programación de música en directo en salas privadas, con especial atención aos grupos e artistas galegos.

Cartel galego

De feito, todas as formacións que actúan na Coruña durante esta primeira metade de 2018 son galegas e dan conta, ao tempo, dun amplo abano de xéneros musicais cunha destacada presenza do jazz e do blues.

No Garufa, ademais dos devanditos concertos de Miguel Lamas Quartet e de Tiruleque, así como do que ofreceu Marcos Teira o pasado mes de xaneiro, presentaranse García MC & Pequeno Quilombo (31 de marzo) e Gold and Colt (6 de abril).

Pola súa banda, o Bâbâ Bar xa acolleu en marzo a Paty Lesta & The Hits e nos vindeiros meses programará a Sabela King & The Heartbreakers (20 de abril), Habitación Vudú (18 de maio), Banda Crebinsky (1 de xuño) e Mad Martin Trío (15 de xuño).

O pianista e compositor Nani García, autor da banda sonora da película Una mujer fantástica, flamante gañadora do Oscar ao mellor filme en fala non inglesa, será o encargado de abrir a nova carteleira da Rede Galega de Música ao Vivo no Jazz Filloa Club, onde actuará en formato trío o 11 de abril. Os seguintes directos serán os de David Regueiro Trío ft. Albert Bello (27 de abril), Juyma Estévez Trío (16 de maio) e Pablo Sanmamed Trío (6 de xuño).

Nova etapa do circuíto

Tras un proceso de renovación consensuado coas principais asociacións do sector, a Xunta promoveu o inicio en 2018 dunha nova xeira da Rede Galega de Música ao Vivo co obxectivo de reforzar os seus estándares de profesionalidade e calidade. Con tal fin, a Agadic aumentou o seu investimento anual nela ata os 185.000 euros, un 105% máis que en 2017.

Esta cifra supón, ademais, o 85% do orzamento para a contratación dos grupos que actúen este ano, xa que o 15% restante lles corresponde ás 23 salas seleccionadas tras unha convocatoria pública de admisión que se resolveu a finais do ano pasado. Neste primeiro semestre de 2018, serán 48 as bandas protagonistas dos 145 concertos previstos en toda Galicia dentro deste circuíto.

6 de marzo de 2018 | 17:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.