A FAEPAC recibe o Premio Galicia de Enerxía á mellor actuación de sensibilización e difusión en materia enerxética
A Fundación Axencia Enerxética Provincial (FAEPAC), dependente da Deputación da Coruña, vén de ser galardoada co Premio Galicia de Enerxía á mellor actuación de sensibilización e difusión en materia enerxética.
Estes premios son convocados anualmente polo Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), en colaboración coa Asociación de Enxeñeiros Industriais de Galicia, e entregaranse durante a “Noite da Enerxía”, que se celebrará o 13 de abril no auditorio Arao de Palexco, na Coruña.
O xurado recoñeceu a campaña realizada pola FAEPAC, que inclúe o asesoramento aos concellos e o control e proposta de medidas que contribúen a mellorar a eficiencia enerxética nas instalacións públicas. A FAEPAC tamén ofrece un servizo gratuíto de asesoramento personalizado para particulares sobre facturación eléctrica, aforro enerxético e o bono social, que foi utilizado ata o momento por 222 cidadáns da provincia, e participa en numerosas accións para difundir entre a poboación temas de actualidade relacionados co uso racional da enerxía.
Ademais deste galardón, o Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais tamén concedeu premios nas modalidades de comunicación en materia enerxética, que recaeu no xornalista Manuel Barral; mellor proxecto emprendedor, para Ingeniería Flinq; mellor proxecto de iluminación, para a empresa SETGA; mellor proxecto de innovación, para Ecoforest geotermia; mellor proxecto de enerxías renovables, para Iberdorla, e mellor proxecto de eficiencia enerxética, para a Universidade de Santiago de Compostela.
O xurado dos premios Galicia de Enerxía estivo composto por Oriol Sarmiento Díez, decano do ICOIIG; Julio García Cordonié, secretario de ICOIIG; Francisco Bello Morano, delegado de ICOIIG en A Coruña; Fernando Blanco Silva, delegado de ICOIIG en Santiago, e Roberto Carlos González Fernández, delegado de ICOIIG en Vigo.











