A Deputación impulsa a mancomunidade do Parque do Megalitismo da Costa da Morte
Cunha xuntanza cos alcaldes dos once concellos implicados, o responsábel da área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, anunciou a creación dunha mancomunidade de impulso da área patrimonial do Parque do Megalitismo no que se investirán medio millón de euros para a execución dunha parte do Plan Director.
A Deputación da Coruña investirá medio millón de euros que se poderán destinar ao plan de divulgación, a mellora de accesibilidade aos túmulos e da sinalización ou a compra de terreos en que se atopan os monumentos arqueolóxicos.
O deputado Xosé Regueira explicou aos concellos participantes que a mancomunidade terá como obxecto o impulso da propia área patrimonial e anunciou o novo investimento para a mellora do parque que poderán investir os propios concellos nas actuacións que decidan.
“O proxecto enmárcase dentro das iniciativas do ámbito do patrimonio que se están a desenvolver desde a Deputación da Coruña como o Xeoparque de Ortegal e Compostela Rupestre cos que se quere completar o territorio provincial neste Ano Mundial do Patrimonio”, sinalou Xosé Regueira. O deputado responsábel das áreas de Turismo e Patrimonio, ademais de Plans Provinciais, mostrou o seu convencemento de que ” a colaboración da Deputación cos concellos pode contribuír de maneira decisiva a relanzar o parque como unha área singular para o coñecemento da historia e atractivo fundamental de visitas turísticas interesadas pola cultura megalítica”.
Tanto pola súa riqueza patrimonial como polo seu atractivo turístico, o Parque do Megalistismo supón, ao dicir de Regueira, “un tesouro de especial relevancia para a Costa da Morte e un museo ao ar libre de grande singularidade que pode atraer visitantes de todo o mundo”.
Desde a Deputación da Coruña apoiarase, segundo tamén anunciou Xosé Regueira, a ampliación do territorio do Parque, coa inclusión dos concellos da Laracha e Ponteceso e proporá á Xunta que dé conformidade á ampliación. “As propostas de integración están moi fundamentadas xa que a Laracha ten no seu territorio un menhir, monumentos dos que hai poucos exemplos, que ten que estar dentro do parque e a Ponteceso ten un valor singular en canto Pondal enriqueceu a través da súa obra o coñecemento e a valorización desta riqueza monumental e, polo tanto, forma parte xa da historia do parque da Costa da Morte”, explicou Regueira.
Os concellos que forman parte do Parque do Megalitismo son Malpica de Bergantiños, Carballo, Zas, Cabana de Bergantiños, Vimianzo, Dumbria, Corcubión, Mazaricos ademais da Laracha e Ponteceso.
Entre outros monumentos, forman parte do Parque Arqueolóxico da Costa da Morte a Pedra Moura, Casa dos Mouros, Pedra Cuberta, Arquiña de Vilaseco e Mina de Recesinde do concello de Vimianzo, Pedra da Arca de Malpica, Arca da Piosa e Pedra Vixía de Zas, Fornela dos Mouros de Laxe, a Mina da Parxubeira de Mazaricos, Pedra Moura de Carballo ou o propio Dolmen de Dombate de Cabana de Bergantiños.











